A hostalaría critica a drástica decisión de fechamento da Xunta e exixe axudas

Imaxe de terrazas baleiras polo coronavirus no municipio de Ames. (Foto: Europa Press)
O sector considera que a imposición da paralización da actividade a partir desta sexta feira, agás para vender comida a domicilio, achega aínda máis negocios á desaparición.

As e os representantes da hostalaría galega rexeitan a medida anunciada hai unhas horas polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, para reducir os contaxios da Covid-19. Así responden a unha estratexia que, ao seu parecer, volve ser unha “bomba” para o sector e un “disparo na sen” para os negocios de 60 concellos, entre eles as sete grandes cidades da Galiza e as súas áreas de influencia.

Malia que o Goberno galego permitirá que manteñan o servizo de cociña para a distribución a domicilio de comida ou para que a clientela a recolla nos locais, o empresario cre que esta situación vai ser xa “insustentábel”.

Non hai que esquecer que as novas limitacións entran en funcionamento ás 15 horas desta sexta feira 6 de novembro e vanse prolongar, cando menos, un mes.

Após soportar o primeiro fechamento perimetral ordenado a semana pasada e tamén o toque de queda que recortou o horario dos estabelecementos, a hostalaría recibe “con enfado” a decisión do equipo de Feixoo.

A representación dubida da existencia de “datos clínicos” que apoien “tomar” unha decisión deste calibre, que polo momento consideran “desproporcionada”.

Así o dixo desde a Asociación de Hostalaría de Santiago de Compostela, o directivo Lois López. Este recordou que o país é o cuarto “pola cola en incidencia acumulada”. Pola contra, e atendendo aos datos que se repetían ano tras ano, municipios galegos ocupan tres das catro primeiras posicións relativas ao número de locais de hostalaría por habitantes. É dicir, moita xente vive ou vivía deste sector.

Plan de rescate e protestas

"A situación é límite, o sector está afogado”, lamentou o presidente da Federación Provincial de Hostalaría de Pontevedra, César Ballesteros, que sostén que a Administración pública está "a mirar para outro lado".

Na opinión do presidente da Asociación de Hostalaría da Coruña, Héctor Cañete, "non se están tomando medidas de calado”. “Necesitamos coñecer as axudas, sempre estamos dispostos a axudar, pero á Xunta pedímoslle o mesmo sacrifico en axudas que apoien ao sector”, asegura.

Cos ánimos “moi caldeados” en toda a nación reclámase un plan de rescate ao sector e anúncianse actos de protesta.