A Xunta reabre A Mariña, agás Burela, que concentra 77% dos casos do brote

A Mariña recupera a mobilidade, agás Burela, pero mantén limitacións na hostalaría e no ocio. (Europa Press)
Burela é, desde mañá, o único concello galego en confinamento pola Covid-19. O Sergas decidiu onte levantar as restricións que rexían noutros seis municipios da costa da Mariña ante a "boa evolución" do foco, ao tempo que ten en estudo un posíbel brote con seis casos confirmados 
en Betanzos. 

Con 116 dos 151 casos activos da Mariña, Burela é o único municipio da comarca onde continúan vixentes as restricións de desprazamento ordenadas pola Xunta dez días atrás, segundo comunicou onte o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, que dá por "controlado" o brote. Desta maneira, Barreiros, Cervo, Foz, Ribadeo, Viveiro e Xove, como xa fixeran a semana pasada Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Trabada, O Valadouro e O Vicedo, recuperan esta medianoite a liberdade de movementos que rexe no resto da Galiza após dez días de confinamento, mentres que Burela, con 77% do total de contaxios, terá que esperar unha semana máis illada dos municipios limítrofes.

Nos 14 que conforman o distrito sanitario mantéñense aínda as medidas que limitan a dez persoas as reunións familiares e sociais e a redución de horarios para os estabelecementos de hostalaría até a medianoite, con diminución tamén da súa capacidade até 50%, entre outras. Na comparecencia de onte, expertos do comité clínico incidiron tamén en que a práctica do botellón "está prohibida", recordando que a idade media das persoas afectadas por este foco e os seus contactos sitúase nos 25 anos. 

Evolución favorábel

A revisión das actuacións aplicadas na Mariña para conter o abrollo chegan na mesma xornada na que o xulgado contencioso-administrativo número 1 de Lugo ratificou as decisións adoptadas pola Consellaría o pasado día 10, cando se acordou estender as restricións nos seis concellos costeiros e endurecelas en Burela, que inicialmente a Xunta só prescribira por cinco días, coincidindo co final da campaña electoral que lle volveu dar a vitoria ao PP, á vista da evolución dos contaxios. 

Tal e como se recolle no auto xudicial, Burela tiña hai unha semana 157 casos e era, "con diferenza", o concello máis afectado polo coronavirus, seguido de Foz, con 22 casos, e Xove, con 12. A resolución xudicial fai constar que, nesa data, a porcentaxe de probas PCR positivas –16% desde o 3 de xullo– e o "elevado" número de contactos detectados, 1.103, que a Xunta refería no informe  remitido ao xulgado, "parecen indicar que a extensión  do virus pode ir en aumento". 

Por contra, os datos actualizados onte polo Sergas apuntan a unha baixada de positivos na Mariña, despois das 21 altas rexistradas na pasada terza, con 13 novas persoas curadas e un único positivo en toda a comarca, das 80 PCR realizadas nas últimas horas. Seguindo esta fonte, hai tamén 534 persoas en seguimento domiciliario.

A este respecto, o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, destacou que "fóra de Burela non houbo ningún positivo" nos municipios do cinto e que todos os novos detectados concéntranse na mesma localidade. Con todo, e segundo as informacións da Xunta, tamén alí os casos se reduciron en nove na pasada xornada.

Seis positivos en Betanzos

Fóra da Mariña, Sanidade confirmou onte seis casos de Covid-19 en Betanzos. Trátase de catro persoas con relación de parentesco e outras dúas sen esa conexión, e que están en illamento ao tempo que se está a realizar o estudo de contactos. "O caso xurdiu por unha persoa que fixo o estudo e tres positivos que saíron hoxe –por onte– son do seu ámbito familiar", indicou Vázquez Almuíña. Outras fontes vinculan algunha destas persoas que deron positivo con outras dúas procedentes de Lleida, onde está localizado o brote máis importante do territorio estatal. Preguntado polo caso, o responsábel de Sanidade indicou, xenericamente, que a "incidencia maior adoita darse por casos importados", se ben no contacto con Lleida, as probas aínda non teñen resultados.

Ademais deste foco, Sanidade está facendo seguimento dos contactos dunha moza que deu positivo tras viaxar en tren desde Barcelona até Vigo e, igualmente, ten en estudo o caso dun home da Coruña que viaxou en avión desde Madrid a Vigo na fin de semana, que tamén está afectado pola enfermidade, e que obrigou someter a illamento unha ducia de persoas do voo.

O cómputo na Galiza, á baixa

Malia os abrollos, a cifra de casos activos –sen o acumulado de persoas afectadas– mantense á baixa na Galiza, que onte restaba sete positivos até os 238, con sete hospitalizacións.

Por áreas sanitarias, a de maior incidencia continúa a ser a de Lugo, influída polo alto número que aínda rexistran os concellos da Mariña, e que acumula 171 casos, o que representa 71,8% do total. Séguelle a área da Coruña e Cee, con 26, tres máis que na xornada previa e á espera de engadir os tres novos confirmados nas últimas horas en Betanzos.  Compostela e O Barbanza, con 15 positivos, mantense nas cifras dos últimos días, mentres que Vigo, con 14, suma dous novos casos. As áreas de Pontevedra, Ourense-Verín-O Barco e Ferrol, con 7, 4 e 1 casos, non rexistran modificacións.