Entidades sociais reprochan que non se tivese advertido con anterioridade

A Xunta quere que as beneficiarias do ingreso mínimo vital devolvan a Risga

Mobilización a prol de aumentar as prestacións sociais na Galiza, organizada polo colectivo Os Ninguéns de Vigo, en marzo (Foto: Cedida).
Perto de 2.000 galegos e galegas poderían verse obrigadas a aboar o importe percibido da Risga durante os meses en que tamén se lles concedeu o Ingreso Mínimo Vital (IMV), por seren prestacións "incompatíbeis". Así o advertiu nas últimas datas a Xunta, que delega no Goberno estatal a responsabilidade de "non prexudicar" as afectadas.

O Goberno galego vén de advertir por escrito ás persoas que nos últimos meses percibiron tanto o importe da Renda de Inclusión Social da Galiza (Risga) coma o Ingreso Mínimo Vital (IMV) que, por mor da "incompatibilidade" das axudas, poderían ter que devolver nas vindeiras datas os cartos correspondentes á prestación galega.

Isto débese a que, ante os atrasos na resolución das peticións do IMV, a Xunta seguiu aboando a Risga a todas as e os beneficiarios "para que non quedasen sen ningún ingreso", mais o Estado está a desembolsar agora de forma retroactiva todas as mensualidades desde que a persoa formulou a petición até que esta foi resolta. De se confirmar, esta medida afectaría perto de 2.000 galegos e galegas, que nalgúns casos poderían chegar a contraer débedas superiores aos 3.000 euros coa Administración.

A Xunta culpa o Estado

Desde a Consellaría de Política Social sinalan a este xornal que a decisión aínda non é firme. Porén, descargan a responsabilidade no Executivo estatal e piden que estabeleza "un mecanismo de compensación para evitar que estas persoas se vexan prexudicadas" a causa dos meses nos que compatibilizaron ambas as prestacións.

Aliás, demandan ao Estado as competencias do IMV para "mellorar a xestión" e "evitar solapamentos con outras axudas", e xustifican esta exixencia aludindo á "experiencia" previa da Administración galega na tramitación da Risga.

"Ante a falta de alternativas propostas até o momento polo Ministerio para resolver o asunto, a Xunta trata de facilitar o máximo posíbel a devolución, dando 30 meses para iso e permitindo ás persoas con menores a cargo condonar unha parte da débeda até un máximo de 3.400 euros", din.

Pola súa banda, fontes do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións consultadas por Nós Diario matizan que o regulamento do IMV "non o fai incompatíbel" coa percepción doutras axudas. Si acontece coa normativa da Risga, polo que o Parlamento tería que impulsar unha modificación lexislativa para permitir a compatibilidade, unha cuestión que veñen demandando as forzas da oposición. "O País Valencià xa deu ese paso", apunta o Ministerio.

"Paralelamente a estas xestións, a Xunta está traballando na modificación da Lei de Inclusión para adecuar a Risga ao novo escenario derivado da creación do IMV. Con todo, debido ás continuas modificacións da prestación estatal, esta modificación estase ralentizando", afirmaron desde a Consellaría.

Decisión "irresponsábel"

"Falamos de familias vulnerábeis, que precisamente por iso cobraban a Risga. Se a Xunta xa era coñecedora da situación o ano pasado, por que non advertiu que as persoas beneficiarias de ambas as prestacións terían que devolver as mensualidades da Risga?", cuestiona, en conversa con Nós Diario, Sonia González, directiva do Colexio de Educadores e Educadoras Sociais da Galiza (Ceesg), que pediu por escrito á conselleira, Fabiola García, que recúe e, como recolle a Lei galega de inserción social, condone a débeda por ser esta incompatibilidade unha "causa non imputábel" á persoa beneficiaria, "dado que a Xunta sabe que persoas reciben o IMV".

González apunta, así mesmo, a "falta de criterio" desta decisión: "A algunhas persoas dixéronlles que terían que devolver o importe nun prazo de 30 meses; a outras, en cambio, faláronlles de facelo mes a mes. Semella unha incongruencia total, non tería sentido que quen máis sufriron pola pandemia se visen abocadas a esta situación", lamenta. Aliás, salienta que o IMV é "unha renda básica para partir dunha mínima dignidade", polo que en moitas ocasións "debería poder compatibilizarse con outras axudas".

Tamén Carla Leiras, portavoz do colectivo Os Ninguéns de Vigo, alerta da "irresponsabilidade" que suporía esta medida de se confirmar finalmente: "Estaría a discriminar unhas persoas que padecen a mesma situación que hai oito meses, e que en moitos casos xa destinaron eses ingresos ao pagamento de débedas ou o alugueiro. Nós levamos tempo pedindo á Xunta que modifique a lei para posibilitar que ambas as prestacións fosen compatíbeis".