Denuncian que a renda mínima "non palia a pobreza relativa"

Voluntarios no banco de alimentos de Vigo durante a pandemia (Foto: Nós Diario).
Colectivos sociais lamentan tamén a "excesiva burocracia" para tramitar o Ingreso Mínimo Vital. Desde o Goberno estatal afirman que "hai que revisar a documentación con coidado para asegurar que chega realmente a quen o precisa".

Segundo os datos máis recentes, na Galiza perciben o Ingreso Mínimo Vital (IMV) 13.224 fogares, a metade constituídos por unha única persoa adulta ou cun fillo ou filla ao seu cargo, cunha prestación media de 442,95 euros.

"É unha contía moi semellante á da Risga, polo que moitas das beneficiarias (arredor de 10.000) optaron directamente por non solicitar o IMV pola inseguridade xurídica e política, xa que podería suprimirse de mudar o Goberno no Estado", sostén Xosé Cuns, director da Rede Galega contra a Pobreza.

Tanto esta entidade como diversos colectivos sociais veñen alertando da dificultade de acceso para solicitalo, ao precisarse conexión á Internet, e da "excesiva demora" nos trámites, xa que na Galiza aínda quedan por resolver 6.847 solicitudes. "Fíxose cunha falta total de coordinación e ás présas, e quen sofren as consecuencias da burocratización son os de sempre, que ven como se atrasan os pagamentos", di Cuns.

Sonia González, do Colexio de Educadores e Educadoras Sociais da Galiza (CEESG), apunta que "nin o IMV nin a Risga cobren todas as necesidades das familias de especial consideración", como recolle a lei. "Para moitas persoas non é doado tramitar a solicitude e presentar toda a documentación, levamos moito tempo pedindo que chegue a todas sen tantas trabas burocráticas", expón.

Aliás, das 47.883 peticións xa tramitadas foron rexeitadas 27.812. Neste senso, Cuns salienta que a prestación estatal debería procurar "combater non só a pobreza severa, senón tamén a relativa", que padece 20,4% da poboación galega, segundo un recente informe de Oxfam Intermón.

"Non pode funcionar unha renda mínima se non atallamos o serio problema de acceso á vivenda que sofren moitas persoas, tanto polos prezos como pola escaseza", explica, e afirma que "debería dar cobertura tamén a quen non tiña acceso á Risga", como as persoas en situación irregular ou as que superan o limiar de ingresos.

A este respecto, fontes do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións xustifican a Nós Diario a demora: "Hai que revisar con coidado toda a documentación exixida para asegurar que o IMV chega realmente a quen o precisa, mais agora estamos a axilizar os trámites". Así mesmo, salientan que a maioría das denegacións son consecuencia de "incumprir os criterios de renda, patrimonio ou vulnerabilidade".