A Xunta propón a creación dunha ABAU única para todo o Estado

Alumnado na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, esta terza feira, nunha das probas da Abau. (Foto: Arxina)
Entidades galegas rexeitan o centralismo.

A Xunta da Galiza elevou onte ao Ministerio de Educación as alegacións ao proxecto de real decreto do Goberno do Estado de características básicas da proba de acceso á universidade (ABAU) a partir do curso 2023-2024.

O Goberno galego reiterou a súa reivindicación dunha "proba única no conxunto do Estado", sendo esta a maneira de "garantir completamente a equidade, a igualdade de oportunidades e unha concorrencia competitiva no contexto de distrito único de acceso" ás universidades do Estado español.

A Xunta demandou, ademais, o esclarecemento do réxime transitorio estabelecido no borrador do real decreto.

Segundo o Executivo galego, tal e como está redactado, xera "certa confusión" ao dicir, por unha parte, que o novo modelo se implantará no curso 2023-2024 e, doutra parte, remitir a "un proceso temporal intermedio" sen estabelecer ningún marco temporal. 

Críticas

Varias entidades galegas criticaron o "centralismo" da proposta da Xunta da Galiza, que "eliminaría" dos contidos do sistema educativo as particularidades que definen a Galiza.

Tanto a Confederación de Anpas Galegas, como a CIG-Ensino e a Mesa pola Normalización Lingüística  mostráronse contrarias á "homoxeneización" da proba.