A Xunta pide a Traballo "máxima flexibilidade dentro da legalidade" con Sargadelos e insta o dono a reabrir
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, pediu a Inspección de Traballo a "máxima flexibilidade dentro da legalidade" con Sargadelos e instou o propietario, Segismundo garcía, a reabrir a factoría de Cervo (A Mariña).
En declaracións aos medios antes de asistir ao acto de presentación do Plan Estratéxico do Comercio da Galiza 2025-2030, o responsábel de Emprego da Xunta detallou que esta mesma mañá reuniuse cos responsábeis das consellarías de Industria e Cultura, así como con Inspección de Traballo na Galiza, ademais de mantar unha conversa co administrador único de Sargadelos.
González defendeu que o expediente laboral aberto contén "deficiencias subsanábeis" dentro duns prazos "abertos aínda". Por iso, pediu "a máxima flexibilidade dentro da legalidade", xa que, tal e como lembrou, trátase dun Ben de Interese Cultural (BIC) e "non é sinxelo facer as obras e actuacións necesarias".
Ademais, asegurou que lle solicitou ao empresario que proceda á "inmediata reapertura" da planta clausurada ao persoal traballador esta mesma quinta feira. Tamén sinalou que na conversa que mantiveron trasladoulle "unha sensación de fartura". "Espero que recapacite", subliñou José González, que tamén insistiu en que a Xunta ofrece "máxima colaboración" para que "o problema se poida resolver" debido, engadiu, "á transcendencia que ten unha fábrica como a de Sargadelos".
Preguntado sobre a marxe de manobra que ten a Xunta ante esta situación, o conselleiro manifestou que van "paso a paso" e que o obxectivo é que reabra "canto antes" a fábrica de Cervo, posto que, segundo apuntou, a de Sada "está a funcionar normalmente". Neste sentido confirmou "máxima colaboración coa empresa, falamos con Inspección de Traballo; imos todos xuntos buscar que todo isto se resolva canto antes e a fábrica continúe traballando", destacou.
"Vontade" de resolver a situación
Polo que se refire ao ton das conversas mantidas tanto con Segismundo García como con Traballo, José González asegurou que atopou "bo ton" e "vontade de resolver esta situación canto antes".
Preguntado polo custo das reparacións que se lle demandan ao propietario, o titular de Emprego insistiu en que se trata de "deficiencias subsanábeis, de escasa entidade en canto ás obras que se teñen que resolver". En todo caso, dixo entender a "posición" do empresario "cando transmite" que se trata dun BIC e que "calquera peza ou movemento que se faga na fábrica ten dificultades".
Do mesmo xeito, afirmou que trasladou tamén a "máxima colaboración da Consellaría de Cultura para que "se poida resolver dentro da exixencia que supón que as instalacións sexan un BIC".
A saúde das traballadoras, en risco
O Ministerio de Traballo xa aclarou esta cuarta feira que as actuacións impulsadas por Inspección en 2025 na fábrica Sargadelos en Cervo viñeron motivadas pola solicitude dun informe de enfermidade profesional por silicose.
En concreto, fontes do Ministerio de Traballo e Economía Social, que dirixe Yolanda Díaz, precisaron que dúas traballadoras da empresa desenvolveron neumoconiosis (un grupo de enfermidades pulmonares crónicas que se producen por inhalar po de minerais ou metais). Segundo o Ministerio, ademais de emitir o correspondente informe sobre a enfermidade profesional, a Inspección impón unha sanción de 5.000 euros por "a falta de medidas adecuadas para evitar a exposición dunha traballadora afectada por po de sílice no seu posto de traballo".
Ademais, precisou, requiríuselle á empresa que emendase outras cuestións, como proporcionar ás persoas traballadoras "equipos de protección individual adecuados", realizar medicións hixiénicas de po de sílice e subministrar roupa de traballo adecuada, entre outras cuestións.
Feche inxustificado
Atendendo a estes resultados por parte da Inspección, o Ministerio considera que "non hai entidade nin nas sancións nin nas obrigas derivadas dos requirimentos que motiven un feche de empresa". E remarcou que "sempre vai defender a saúde e a seguridade das persoas traballadoras sexa cal for o seu posto de traballo e por encima de calquera outra consideración".