Silicose: unha herdanza envelenada

O último informe do Instituto Nacional de Silicose de Oviedo atribuía a Galiza o 39% dos casos detectados en todo o Estado no ano 2012, maioritariamente no sector da lousa e as canteiras de granito espalladas polas comarcas de Ourense e Pontevedra con tradición nestes oficios. Hoxe, a lexislación e as medidas de prevención son mellores que as de hai uns anos, mais aínda hai riscos nalgunhas actividades e persisten eivas en materia de seguridade social. Eis un extracto da reportaxe publicada no Sermos Galiza 249.

Silicose

No último informe do Observatorio Galego de Condicións de Traballo, o seu autor, Manuel Gil Fernández, xefe do equipo técnico de Medicina Laboral do Centro do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral –ISSGA- de Pontevedra, define a silicose como “o paradigma das enfermidades producidas polo traballo”. A inhalación prolongada da sílice –o maior compoñente da codia terrestre- foi ao longo do século XX, coa expansión da minaría, a causa da enfermidade de centos de traballadores galegos que desenvolvían a súa actividade sen protección de ningún tipo ou, no mellor dos casos, sen a protección axeitada.

6A mellora das condicións de traballo tanto nas minas como nunha actividade primordial en varias comarcas do país, as canteiras, supuxo un descenso considerábel no número de casos rexistrados, se ben, segundo o informe de Gil Fernández, as cifras “seguen a ser elevadas”. Os últimos dados dispoñíbeis do Instituto Nacional de Silicose de Oviedo, correspondentes ao ano 2012, apuntan que no conxunto do Estado se detectaron 166 silicóticos, dos cales 65, isto é, o 39%, eran galegos. Nos dous últimos estudos epidemiolóxicos realizados no Centro de Seguridade e Saúde Laboral do ISSGA en Pontevedra, anos 2005 e 2006, atopáronse 77 silicoses sobre un total de 440 participantes e 34 de 257, respectivamente. Máis dados: as estimacións apuntan que no Estado pode haber uns 450 mil traballadores expostos á sílice; destes, perto do 9% estarían en canteiras de pedra natural e lousas, unha actividade típica da Galiza.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 249 do Sermos Galiza, á venda na nosa loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]

Comentarios