A Xunta permite desde a sexta feira público de pé en cinemas, teatros e auditorios con 100% de ocupación

Un concerto da última edición do festival decorrido en Vilaxoán. (Foto: Revenidas)
Desde esta sexta feira, o público xa non ten que permanecer sentado en cinemas, teatros, auditorios e espazos similares para poder maximizar esta capacidade.

Unha semana despois de que a Xunta xeneralizase as ocupacións do 100% en practicamente todas as actividades, a Consellaría de Sanidade decidiu levantar a obrigatoriedade de que o público permaneza sentado en cinemas, teatros, auditorios e espazos similares para poder maximizar esta capacidade.

No DOG recóllese a eliminación do requisito de que o público debe de estar en todo caso sentado

Na súa edición bis o Diario Oficial da Galiza (DOG), publicado a última hora da quinta feira, recóllese a eliminación do requisito de que o público debe de estar en todo caso sentado, como é o caso de cinemas, teatros, auditorios e espazos similares.

Até agora, este tipo de espazos podían utilizarse ao 100% sempre que o público permanecese sentado. Esta nova medida entrou en vigor esta mesma sexta feira, polo que xa se poden realizar este tipo de actividades con público de pé ao máximo de capacidade.

En todo caso, indícase que  "deberán estabelecerse as medidas necesarias" para buscar manter a distancia de seguridade

En todo caso, como recolle o DOG-bis, "deberán estabelecerse as medidas necesarias" para buscar manter a distancia de seguridade interpersoal nas instalacións.

A medida chega cando a Galiza rexistra un incremento de casos activos de Covid-19 e alcanza os 505, así como cunha repunta dos novos contaxios a 60.

Hai precisamente unha semana levantábase o estado de emerxencia sanitaria na Galiza, após dezanove meses de declarar a situación extraordinaria. A decisión non afecta polo momento aos protocolos educativos.