A Xunta pedirá unha prórroga para 'salvar' un cento de parques eólicos

Adega e BNG advirten da "vulneración" de normas comunitarias na tramitación de proxectos eólicos. (Foto: Y. C.)
As concesións para conectar aeroxeradores á rede caducan en xaneiro.

A Xunta da Galiza pedirá unha ampliación das concesións de conexión á rede eléctrica que caducan en xaneiro de 2023 e que afectan un cento de proxectos eólicos.

Así o anunciou esta cuarta feira no Parlamento o conselleiro de Industria e vicepresidente primeiro do Goberno galego, Francisco Conde, que cargou contra o Executivo estatal porque esa caducidade das conexións á rede sen que os proxectos eólicos puidesen chegar a estar implementados indica que "os prazos que fixan son incumpríbeis".

Conde respondía así a unha pregunta realizada por Begoña Rodríguez Rumbo (PSdeG), que advertía da caducidade desas conexións o vindeiro 23 de xaneiro.

Acusacións mutuas

A pregunta de Rodríguez Rumbo no pleno da Cámara galega deu lugar a un debate no que tanto o Partido Popular como o PSdeG polemizaron ao redor do desenvolvemento eólico, con acusacións mutuas de non ser quen de facilitar un modelo adecuado ás necesidades que presenta o país.

Rodríguez Rumbo preguntou á Xunta que está a facer coas solicitudes por un total de 13.000 MW sobre as que teñen que decidir e acusou o Goberno galego de non ter unha aposta decidida pola enerxía renovábel. "Nós non cremos nun desenvolvemento eólico indiscriminado mais tampouco nunha parálise total".

"Mudanza"

O conselleiro de Industria, pola súa parte, acusou o Partido Socialista de "mudar de discurso" durante estes meses e pasar do "modelo de 'stop eólicos' que partillaban co BNG" a ser agora "portavoces da barra libre para todos os proxectos".