Xunta e patronal buscarán na UE fondos para a minaría

Juan José López, María Jesús Lorenzana e Arantxa Prado, onte, na presentación da OIPE (Foto: Xunta da Galiza).
A Oficina de Impulso de Proxectos Europeos (OIPE), unha iniciativa da Xunta da Galiza e da Cámara Mineira, presentou onte as súas liñas estratéxicas, que pasan pola captación de fondos da Unión Europea para desenvolver novos proxectos de "minaría sostíbel" no país.

A Xunta da Galiza e a Cámara Oficial Mineira da Galiza (COMG) queren canalizar a chegada de fondos europeos cara a novos proxectos da industria extractiva nun territorio, o galego, que a día de hoxe xa representa máis de 8% da produción mineira total do Estado español —por valor de perto de 250 millóns de euros— e que ten operativas un total de 213 explotacións, segundo a Estatística Mineira Anual elaborada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica en 2021, o último informe dispoñíbel. Só Andalucía (467), Castela e León (404), Catalunya (350) e Castela-A Mancha (289), territorios os catro superiores á Galiza en superficie, teñen máis.

Mais Goberno e patronal queren dar pulo a novos proxectos insistindo, iso si, no concepto de "sostibilidade". Onte a conselleira de Industria, María Jesús Lourenzá, presentou xunto ao presidente da COMG, Juan José López, a Oficina de Impulso de Proxectos Europeos (OIPE), que ten por obxectivo "captar e facer seguimento" de fondos procedentes da Unión Europea, tamén os programas denominados por Bruxelas de 'recuperación', que poidan servir para impulsar novos proxectos mineiros no marco da Axenda de Impulso de Minaría Sostíbel 2030 da Xunta.

A OIPE, dirixida por Arantxa Prado, prestará apoio ás empresas dun sector que Lourenzá ve como "aliado estratéxico" e que cómpre contribuír á súa "modernización estratéxica" cara a esa "minaría sostíbel" que desde a patronal porfían en promulgar. Un termo, porén, que o movemento ecoloxista rexeita ao entender que os efectos negativos da actividade extractiva non poden paliarse coa restauración dos terreos posterior ao feche da explotación por parte das empresas.

A través desta oficina, aliás a Administración galega pretende "axudar a detectar e elaborar proxectos que poidan ser tractores" e se financien con fondos de Bruxelas e, en última instancia, afortalar o sector e converter Galiza no seu "epicentro".

Desde a COMG insistiron tamén no "fundamental" da minaría para o desenvolvemento enerxético e industrial como provedora de materias primas. "Queremos apoiar unha minaría como cremos que ten que ser o modelo galego, que está nesa senda enerxética. Unha minaría que é sostíbel, que é compatíbel co territorio e co medio rural e que é fundamental para o desenvolvemento enerxético e industrial da Galiza", concluíu a conselleira.

Menos de 1% do PIB

Das 213 explotacións totais salienta na Galiza o peso dos produtos de canteira, a cuxa extracción se dedican 106 delas, e as rochas ornamentais, con 92, mentres outras 14 buscan minerais industriais e unha orientada aos minerais metálicos. E entre todas elas, segundo a Estatística Mineira de 2021, apenas xeran 3.373 empregos, unha media de entre 15 e 16 traballadoras e traballadores por cada explotación. O peso económico da minaría tradúcese en arredor de 0,4% do produto interior bruto (PIB) da Galiza.