A Xunta paga ás escolas infantís privadas 387% máis por praza que ás municipais

Táboa coa estimación do importe mensual bonificado por praza (Foto: Nós Diario).
Os centos privados reciben 257 euros por praza e os públicos só 52.

Este é o segundo ano no que a Xunta da Galiza mantén a gratuidade para as familias nas escolas infantís de o a 3 anos. Porén, dependendo de se están xestionadas pola propia Xunta, se son municipais ou privadas, as axudas públicas que aproba o Goberno galego varían. De feito, a Xunta bonifica este ano cinco veces máis as privadas que as que dependen dos Concellos galegos, unha cuestión que critica a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). 

A Xunta anunciou esta semana que dedicaría 7.713.400 euros para concretar a gratuidade das escolas infantís e puntos de atención á infancia (PAIs) municipais, un total de 138 centros de toda a Galiza. A cifra é inferior á do ano pasado, que foi de 10.591.031 euros. Ao carón destes importes, as achegas ás escolas privadas é moi superior, de 41.470.939 euros, segundo a orde publicada no Diario Oficial da Galiza (DOG). 

Bonificación por praza

A cifra achegada pola Xunta este curso para escolas municipais reúne dúas liñas de axudas, a relativa ao mantemento na que entrarían persoal e alimentación (3.100.000 euros) e a da bonificación (4.613.400 euros). A primeira destas axudas xa existía previamente á gratuidade e percibíase a través das resolucións anuais que regulaban os servizos sociais e o seu financiamento.

Por este motivo a contía a ter en conta na comparativa coas escolas privadas sería esta segunda. Segundo datos do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (Ruepss), a cantidade que percibirán os Concellos  para as escolas infantís e PAIs, que contan con 7.283 prazas, sería de 52,79 euros por praza. Mentres, as escolas privadas, cun total de 13.429 prazas, o importe que lles achegaría o Goberno galego sería de 257,35 euros por praza (unha diferenza de 387,5%).

Aumento da demanda

O número de prazas en escolas infantís na Galiza supera nestes momentos as 31.000, unhas mil máis que o ano pasado polo incremento da demanda como consecuencia da gratuidade do servizo. Neste sentido, conta coa maior taxa de matriculación do Estado español (56%) e supera 80% na fase de 2 a 3 anos. Tal e como sinala a Consellaría nas bases, e confirman as escolas privadas que solicitaron as axudas, o importe chega con antelación ao propio servizo. Neste sentido, 2024 comezará cun 45% do importe ao que se sumará outro 45% no mes de abril. 

Rueda, satisfeito

Onte, ao remate do Consello da Xunta, o presidente galego, Alfonso Rueda, reivindicou as medidas adoptadas en relación ás escolas infantís. "Agora empezará o segundo curso completo coa medida implantada. Son 31.000 familias as beneficiadas directamente. O aforro medio son 2.000 euros ao ano", indicou. Non tan satisfeitos están os Concellos galegos coas achegas da Xunta neste ámbito.

Desde a Fegamp lembran que aínda teñen por resolver o impacto negativo que supón para as finanzas dos municipios. O seu presidente, Alberto Varela, recorda ao Goberno galego as diferenzas que existen hoxe entre as bonificacións que había nas escolas infantís municipais e as que lles conceden ás privadas.

Continúa o conflito do persoal das escolas infantís privadas

Co inicio do curso, as escolas infantís privadas e de xestión indirecta de 0 a 3 anos terán por diante que resolver as demandas do seu persoal. Os sindicatos CIG-Ensino, CCOO, UXT, SNEPdeG e USO remataron o anterior con folgas e cunha gran manifestación en Santiago o pasado 29 de xuño. Entre as súas demandas está ter un convenio "digno" e salarios "xustos".

De feito, os sindicatos denunciaron que se atrasou a actualización dos salarios, que actualmente se atopan por baixo do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), "impedindo así que o persoal poida recuperar o poder adquisitivo perdido". Tamén acusan as patronais dun “grave prexuízo" para o persoal do sector de xestión indirecta ao impedir a sinatura dunhas táboas salariais vinculadas aos pregos de condicións dos últimos concursos públicos.