O TSXG resolveu contra a empresa Norvento

A Xunta oponse á anulación do parque de Sasdónigas

Parque eólico de Sasdónigas, en Mondoñedo. (Foto: Norvento)
O Goberno da Xunta anunciou hoxe, por boca do vicepresidente e conselleiro de Economía, Francisco Conde, que presentará recurso contra a anulación, por parte do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) do parque eólico de Norvento en Sasdónigas (Mondoñedo) e que afecta o Camiño de Santiago.

Hai tan só un mes que transcendeu nos medios a decisión do TSXG de estimar o recurso interposto por 10 particulares contra a aprobación definitiva deste proxecto

No pleno do Parlamento da cuarta feira, Conde rexeitou que se acuse a Administración “dunha política de fraccionamento de parques”, en resposta á interpelación do deputado socialista Martín Seco, a pesar de que a resolución do TSXG concluíra que Norvento pretendía realizar "unha división artificial dun único parque eólico en dúas fases".

"Nós analizaremos esa sentenza e presentaremos o recurso correspondente respectando a posición do TSXG", afirmou Conde na Cámara. Mentres, Martín Seco amosaba a súa "preocupación" polo que ocorre na Galiza nas "negociacións entre propietarios e empresas promotoras" de instalacións de enerxía eólica.

"Por que lle teñen medo á transparencia? A Administración non fomenta eses mecanismos... Por que prefiren pórse de costas á nosa veciñanza?", interrogou Seco ao conselleiro, quen respondeu que o deputado tentase “xerar confusión sobre normativas que se están a cumprir e que repita os argumentos do BNG”.

O BNG lembra a necesidade de solución nas Pontes

A deputada do Bloque Nacionalista Galego (BNG) Noa Presas preguntoulle ao vicepresidente segundo, Francisco Conde, por un "plan B" para As Pontes tras o fechamento da planta térmica de Endesa.

"Preocupa o que vemos do Goberno do Estado pero tamén a pasividade da Xunta da Galiza” porque aparentemente non hai outro plan, subliñou.

Mais para o titular de Economía da Xunta, "que veña o BNG a intentar trasladar a súa preocupación pola situación das Pontes é verdadeiramente sorprendente" posto que lle atribúe "o fechamento precipitado" da térmica aos que chama "socios" de Goberno en Madrid, en referencia ao Partido Socialista.