Norvento pon en operación seis novos parques eólicos

A empresade enerxías renovábeis Norvento suma 128 megavatios eólicos á súa carteira.
Parque eólico de Sasdonigas. (Norvento)
photo_camera Parque eólico de Sasdonigas. (Norvento)

A galega Norvento vén de anunciar a finalización da construción e posta en operación de seis novos parques eólicos situados nos concellos de Abadín, A Pastoriza, Mondoñedo, Riotorto, Trabada, A Pontenova e Lourenzá, cos que a compañía evitará a emisión de 4 millóns de toneladas de CO2 nos vindeiros 25 anos.

Segundo indicou a empresa nun comunicado, os parques, denominados Neda, Sasdónigas, Sasdónigas II, a Pastoriza, Cadeira e Carracedo, xa están a verter enerxía á rede. Norvento cumpriu así cos prazos marcados para a súa tramitación desde a adxudicación dos proxectos na poxa do Ministerio de Transición Ecolóxica (entón de Enerxía) de 2017.

Os oito parques suman unha potencia instalada de 128 megavatios (MW) e producirán a enerxía equivalente ao consumo eléctrico dun concello de 90.000 habitantes. Con estes novos desenvolvementos, a carteira eólica de Norvento chega até os 242 MW no Estado español, aos que hai que engadir os 800 MW que está a desenvolver noutros territorios.

Novos proxectos  

O director xeral de Norvento, Iván Nogueiras, amosou a súa satisfacción por “ter cumprido en prazo e coas máximas esixencias de calidade e eficiencia coa folla de ruta marcada en 2017 tras a poxa eólica". "Concluída esta etapa, agora seguiremos a traballar para o desenvolvemento de futuros novos proxectos, tanto no negocio de xeración centralizada como en autoconsumo e xeración distribuída con renovábeis”.

A construción e posta en operación destes novos oito parques, ademais das vantaxes para o medio ambiente no que a redución de emisións se refire, suporán numerosos beneficios para os municipios que os acollen, cunha estimación de 19 millóns de euros para as administracións locais e autonómicas en taxas e impostos.

Comentarios