A Xunta non endurece as restricións de cara aos festivos da Semana Santa

Varias persoas gozaron dun solleiro sábado en Sanxenxo, municipio que fica no nivel alto de restricións (Foto: Beatriz Císcar / Europa Press).
A Galiza afronta a Semana Santa sen mudanzas na normativa sanitaria, coa mobilidade permitida por todo o territorio agás en Beade. Sanidade salienta a "situación epidemiolóxica estábel", mais recoñece a ameaza dunha hipotética cuarta vaga "similar á terceira".
 

A Semana Santa decorrerá na Galiza sen máis novidades que as xa anunciadas a mediados de marzo. Após o encontro decorrido nesta terza feira co Comité Clínico, a Consellaría de Sanidade decidiu manter en vigor as restricións actuais á vista da "situación estábel" que atravesa o país, nun momento no que a pandemia se atopa en fase "de meseta" e, polo tanto, os contaxios non soben, mais tampouco baixan de forma significativa.

Así, a incidencia acumulada a sete días no conxunto da Galiza é de 35 casos por cada 100.000 habitantes, apenas catro menos que dúas semanas atrás (cando se aprobaron as novas medidas de apertura), mentres a 14 días se sitúa en 69, oito menos que na data sinalada. Este indicador varía de forma radical en función da área sanitaria, desde os 39 casos rexistrados na de Ourense a 14 días até os 106 da coruñesa.

Os casos activos volven reducirse levemente até os 2.307 (-20), após a suba rexistrada na segunda feira, e os novos contaxios baixan tamén a 107 (-26) malia aumentaren un día antes. A taxa de positividade das probas PCR e de antíxenos, pola súa banda, fica en 2,73%, unha cifra semellante á da semana pasada e aínda afastada do limiar de 5% recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS). Así mesmo, 140 concellos non detectaron ningún caso nos últimos 14 días; 180, a unha semana vista.

Con todo, Sanidade notificou na terza feira dúas novas vítimas mortais por mor da Covid-19, polo que o cómputo global desde o inicio da pandemia ascende a 2.336 pasamentos.

Sobe a presión asistencial

No tocante aos hospitais galegos, os internamentos nas Unidades de Coidados Intensivos (UCI) baixan a 26 (-1), mais, pola contra, repuntan a 181 en hospitalización convencional (+2). Esta evolución tamén é dispar: a ocupación sobe en catro áreas e cae nas tres restantes.

Deste modo, na de Vigo increméntanse os casos que requiren de internamento en planta até os 41 (+3), mais descenden a catro en coidados intensivos (-2). Unha situación semellante repítese na área de Compostela-O Barbanza, que rexistra 18 doentes en unidades convencionais (+3) e dous en críticos (-1).

En Ourense-Verín-O Barco fican 20 persoas ingresadas en planta (sen cambios), soben a dúas na UCI (+1). En Lugo-A Mariña-Monforte, porén, seguen dous pacientes en coidados intensivos (sen cambios) e 12 noutras unidades (+1).

Baixa a presión asistencial en Ferrol, con 10 internamentos en hospitalización convencional (-2) e ningún en críticos; Pontevedra-O Salnés, que mantén unha persoa na UCI (sen cambios) e 19 en planta (-1), e A Coruña-Cee, con 15 (+1) e 61 (-2) respectivamente.

Cambios no nivel de restricións

Con base nestes datos, Sanidade mantén unicamente o concello de Beade no nivel máximo de restricións (desde as 00.00 horas da sexta feira, cando entrarán en vigor as modificacións anunciadas na terza feira). Outros 11 concellos fican no nivel alto, e 17 no medio. O resto da Galiza continúa no nivel máis baixo de restricións.

"Traballamos para que non haxa unha cuarta vaga, e por iso pedimos un esforzo adicional aos concellos nos que aplicamos as medidas máis duras, que ficarán vixentes cando menos durante 10 ou 14 días porque é o tempo mínimo que precisamos para mudar cadanseu nivel de restricións", xustificou o responsábel de Sanidade. Neste senso, alertou da predominancia da variante británica do coronavirus, que, debido á súa maior capacidade de transmisión e afección, "fai supor que a hipotética nova vaga tería unha intensidade moi similar á terceira", especialmente "nos hospitais e nas UCI".

Hai 192 casos confirmados da cepa xurdida no Reino Unido e outro da surafricana; ningún da brasileira. A incidencia destas variantes sería maior (a británica supón 90% dos casos), mais a Galiza carecería dos recursos precisos para secuenciar todas as mostras sospeitosas, segundo veñen denunciando os partidos da oposición no Parlamento.

Malia permanecer no nivel mínimo, ás persoas expertas preocúpalles a evolución epidemiolóxica de Vigo, tanto no conxunto da área sanitaria como na propia cidade, xa que a incidencia acumulada a sete días no municipio subiu na última semana de 50 a 56. En consecuencia, Sanidade fará un "especial seguimento" en Vigo ante unha eventual repunta dos casos (os activos aumentaron en 29 nos dous últimos días).

A vacinación proseguirá nos días festivos

A respecto da campaña de vacinación, o conselleiro adiantou que non se deterá na quinta e a sexta feira, datas festivas no país, e preveu a inoculación de "perto de 100.000 doses" ao longo da Semana Santa, incluídos o sábado e o domingo. Porén, a Galiza atópase á cola da inoculación en todo o Estado, só por diante de Murcia. De momento, administráronse 462.010 vacinas das 526.735 recibidas, o 87,7% do total.

A Galiza recibiu na segunda feira arredor de 57.000 vacinas de Pfizer e 32.000 de Moderna, o maior reparto até o momento, mais ningunha de AstraZeneca. Con todo, García Comesaña prevé iniciar tras a Semana Santa a inoculación con estes viais ás persoas de entre 55 e 65 anos, e proseguirá estes días co rango de idade de 50 a 55 e os traballadores "esenciais".

147.759 persoas recibiron a pauta completa. A primeira vacina, así mesmo, foi inoculada a "máis de 60%" das e dos maiores de 80 (excluíndo as residencias). Sanidade valorará a posibilidade de sumar ao proceso as maiores de 70 cando se comece administrar o segundo vial ás de 80.

Certificado dixital

O conselleiro adiantou na terza feira que a Xunta implantará ao longo da primeira quincena de abril un certificado dixital para acreditar a vacinación contra a Covid, os resultados das probas PCR e de antíxenos e a alta médica conforme se superou a doenza. Esta ferramenta servirá de "ensaio" antes da posta en funcionamento do 'pasaporte verde' da Unión Europea, previsto para o mes de xuño.

Calquera cidadán ou cidadá poderá acceder ao seu certificado a través das aplicacións PassCovid, É-Saúde e SergasMóbil, e tamén se poderá imprimir ou escanear cun código de lectura QR.

Cribados nos aeroportos

Noutra orde, nesta terza feira os aeroportos de Compostela e Vigo sumáronse ao da Coruña e comezaron ofrecer ás e os pasaxeiros tests de antíxenos ao aterraren na Galiza, sen que se detectase ningún positivo. "Esta medida complementa o rexistro de viaxeiras, que desde o seu inicio xa inscribiu máis de 683.000 persoas", asegurou. Durante a pasada fin de semana se anotaron nesta listaxe 1.111 viaxeiras, das cales 933 procedían doutros territorios do Estado e 447 visitaran outros países.

Casos nas residencias

Esta terza feira, 30 de marzo, quedaban 11 usuarias (-1) e dúas traballadoras (-1) coa infección activa nas residencias, "a maioría asintomáticas", dixo Comesaña.