Amplíase a vacina de AstraZeneca no tramo de 55 a 65 anos e a grupos de actividade esencial

Vacinación con AstraZeneca (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
"Tendo en conta a nova evidencia científica e a ficha técnica autorizada, amplíase o límite de idade" de AtraZeneca, di Sanidade.

A Comisión estatal de Saúde Pública aprobou a actualización cinco da Estratexia de Vacinación na que se inclúe a ampliación da idade de utilización da vacina de AstraZeneca no tramo de 55 a 65 anos, así como a actualización dalgúns dos grupos de risco a vacinar e as mensaxes fundamentais a transmitir á poboación.

Segundo explican fontes da Consellaría de Sanidade, Galiza abstívose neste encontro da Comisión estatal de Saúde Pública.

Na actualización recóllense as características da vacina de Janssen. Sanidade explica que "cando haxa dispoñibilidade de doses desta vacina, poderase utilizar de forma paralela ás vacinas de ARNm para incrementar o ritmo de vacinación dos grupos etarios de maior idade".

Respecto a AstraZeneca, "tendo en conta a nova evidencia científica e a ficha técnica autorizada, amplíase o límite de idade". Con ela, explica Sanidade, "completarase por tanto a vacinación dos grupos de poboación priorizados pola súa actividade esencial, como persoal sanitario e sociosanitario que non é de primeira liña e traballadores de institucións sanitarias e colectivos en activo cunha función esencial na sociedade como os das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado ou docentes por exemplo".

A Comisión de Saúde Pública, en que se atopan representadas todas as comunidades e cidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, inclúe no apartado das persoas con condicións de moi alto risco que estas se vacinarán de maneira simultánea ao grupo daquelas con idades comprendidas entre os 70 e os 79 anos de idade.

O Ministerio sinala que "se utilizarán vacinas de ARNm, coa finalidade de alcanzar a maior protección nun período de tempo menor". Deste grupo forman parte as persoas con transplante de proxenitores hematopoéticos, transplante de órgano sólido e lista de espera para este, persoas en hemodiálise e diálise peritoneal, enfermidade oncohematolóxica, cancro de órgano sólido en tratamento con quimioterapia citotóxica, cancro de pulmón en tratamento con quimioterapia ou inmunoterapia, infección con VIH inmunodeprimidos, persoas con inmunodeficiencia primaria e persoas con Síndrome de Down maiores de 40 anos.

A actualización explica que a evidencia científica "mostra que as persoas priorizadas para vacinación que teñan antecedente de infección asintomática ou sintomática, e independentemente da gravidade, obteñen unha resposta inmune moi satisfactoria cunha soa dose, que non mellora coa administración dunha segunda dose".

Por iso, conclúe que "hai suficiente evidencia para administrar unha única dose en persoas de 65 ou menos anos de idade con antecedente de infección previa". "Mantense, por tanto, a pauta de dúas dose para as persoas de 65 ou máis anos", incide o Ministerio.

A Comisión de Saúde Pública subliña que se debe ter en conta "que a vacina para administrar non pode ser a demanda ou elección co fin de non socavar os principios e valores éticos da Estratexia.