Sanidade implantará en abril un certificado de vacinación ou de probas Covid "meramente informativo"

Crivado no aeroporto da Coruña (Foto: Sergas)

Sanidade presenta esta iniciativa como ensaio previo ao 'pasaporte verde' da Unión Europea.

A Xunta da Galiza implantará na primeira quincena do mes de abril un certificado para acreditar a vacinación ou estar en posesión de probas de coronavirus que acrediten a superación do virus ou que a persoa ten un test negativo.

Así o avanzou na rolda de prensa posterior ao comité clínico desta terza feira, 30 de marzo, o conselleiro de  Sanidade, Julio García Comesaña, quen matizou que polo de agora será "meramente informativo" ao actuar como un ensaio previo á implantación do 'pasaporte verde' que prepara a Unión Europea co fin de facilitar a mobilidade.

Na súa comparecencia, o conselleiro explicou como funcionará este certificado, que contará cun código ' QR' para a autenticación dos datos e estará dispoñíbel en primeiro lugar para as persoas vacinadas, estean cubertas polo sistema público ou non. Poderase ter tanto en papel como en formato dixital nas aplicacións do Sergas –‘Pass Covid', ‘*É- Saúde’ e 'Sergas Móbil'.

Segundo garantiu Comesaña, terá a mesma "base xurídica" e "criterios técnicos" que o proxecto presentado a nivel da Unión Europea, e terá o obxectivo de "fomentar a mobilidade segura" durante a pandemia do coronavirus.

Con todo, o certificado galego exponse como un proxecto previo ao da UE, polo que será substituído "de modo inmediato" polo comunitario cando este estea dispoñíbel.

O "compromiso" de Sanidade, asegurou o conselleiro, é que estea listo na primeira quincena do mes de abril, aínda que "de momento será meramente informativo". "Se despois, unha vez consolidado o sistema, nós ou alguén expón un uso que vai na esencia de potenciar a mobilidade segura, estaremos a favor", proseguiu Comesaña, ao ser preguntado sobre a súa utilidade de cara ao futuro.