A Xunta non constrúe residencias públicas desde o ano 2009

Varias persoas ás portas dunha residencia de maiores en Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Hai 2,81 camas por cada 100 persoas maiores de 65 anos

A Federación de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia (REDE) mais familiares e usuarias da residencia CRAPD de Vigo manifestaranse este domingo, 11 de decembro, en Vigo esixindo "dimisións e cambios na Xunta" pola falta de prazas públicas nas residencias de maiores e denunciando a "desorganización" nas residencias e o "abandono que sofren os maiores", así como a "falta de información e empatía" cara ás familias.

14.902 serían as prazas necesarias para que a Galiza alcanzase a ratio de cinco camas por cada 100 maiores de 65 anos que recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS), segundo a Asociación Estatal de Directores e Xerentes en Servizos Sociais. A ratio galega atópase moi por baixo da do Estado español, cun 2,81 fronte a un 4,21.
A Xunta da Galiza leva desde o ano 2009, cando Núñez Feixoo chegou a San Caetano, sen construír novas instalacións xerontolóxicas de titularidade pública, aumentando a oferta das residencias privadas. Tal é o caso de Raiola, cuxa nova residencia recibiu antonte a visita institucional de Alfonso Rueda, presidente da Xunta da Galiza.

Tanto Raiola como outras empresas privadas son albo da crítica por entidades, sindicatos e partidos que as acusan de incumprir as condicións laborais das traballadoras, o que desemboca na perda de calidade na prestación do servizo de atención ás persoas maiores. Situación que se agravou durante a pandemia da Covid-19 e que persiste no tempo.

Alberto Núñez Feixoo, predecesor de Rueda no Goberno da Xunta, avanzaba no ano 2017 a construción de sete novas residencias públicas, unha en cada unha das grandes cidades galegas (Ferrol, A Coruña, Lugo, Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo e Ourense), as cales se construirían co financiamento da Fundación Amancio Ortega. Cinco anos despois, ningún dos centros proxectados pola Xunta se atopa en funcionamento e nada se sabe do modelo de xestión (público ou privado) que adoptarán cando remate a súa construción.

Igualmente, na comarca galega que máis acusa a falta de prazas públicas en residencias, A Barbanza, o mesmo Goberno que anunciaba no 2021 a creación dunha residencia integramente pública no concello de Ribeira apoia a inminente oferta de prazas privadas en Outes, accedendo a compartir coa empresa un modelo de xestión concertado. Dun total de 36 prazas que a empresa ofertará nesta nova residencia na comarca de Noia, 18 estarán financiadas pola Xunta da Galiza.

A xestión da Xunta confronta coa da Deputación de Lugo: no que vai de mandato, a institución inaugurou oito novos centros asistenciais que suma á rede provincial e que xestiona cun modelo público en coordinación cos concellos. 

Novos datos sobre a financiamento da dependencia publicados polo observatorio do colectivo de directores e xerentes de servizos sociais sitúan o Goberno galego á cola das comunidades que máis invisten por persoa potencialmente dependente e ano, con 596 euros, fronte aos 1.179,62 euros da media estatal.

Nesta liña, desde REDE denuncian que, lonxe de aumentar as partidas orzamentarias para mellorar a calidade asistencial das residencias públicas, a Xunta da Galiza converteu o público "nun modelo indigno", "deixando conscientemente o sitio ao negocio privado dos coidados das persoas maiores".