Crise dos pellets

O dispositivo para atallar a 'crise dos pellets', á espera da Xunta: "Non podemos entrar se non abren a porta"

Unha voluntaria recollendo pellets de plástico nunha praia da Coruña. (Foto: Elena Fernández / Europa Press)
Continúa o cruce de acusacións entre San Caetano e Moncloa mentres os medios de emerxencia para actuar fronte á vertedura de pequenas bólas de plástico nunha trintena de praias, que a Xunta asegura que non son "nin tóxicas, nin perigosas", están listos e pendentes de que Alfonso Rueda "prema o botón" e eleve ao nivel 2 o Camgal. Algo que, polo de agora, non cre necesario.

"Non podemos entrar nunha casa se non nos abren as portas". Mentres a Xunta da Galiza porfía en responsabilizar o Estado da "falta de datos" e a todas as forzas da opisición de porse "en modo electoral" a raíz da crise dos pellets, e ante a persistente negativa do presidente Alfonso Rueda a elevar o nivel de emerxencia para facer fronte á incesante chegada de microplásticos ás costas galegas, desde o Goberno español reiteran que nada se pode facer se en San Caetano non aumentan a alerta por contaminación, pois "é unha competencia da Xunta e ten que saber exercela".

Son palabras do delegado do Executivo na Galiza, Pedro Blanco, que esta segunda feira asegurou que os medios están "listos" para actuar ante a vertedura de pequenas bólas de plástico, algo que farán no momento en que a Xunta "prema o botón e eleve o nivel". O dispositivo de emerxencia, insistiu Blanco e puido confirmar Nós Diario, está preparado e á espera da Administración galega.

"Non podemos máis que esperar a que a Xunta da Galiza chame. Cando o fagan, estaremos alí, como non podería ser doutro modo", dixo novamente o delegado. Esta mesma segunda feira a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, restou importancia á vertedura asegurando que o material analizado "non é nin tóxico, nin perigoso", algo que para Pedro Blanco non oculta que é "un problema para o medio ambiente que, ademais, pode entrar dentro da cadea alimenticia".

Após ratificar hoxe o presidente Rueda que a primeira comunicación "oficial" desde Moncloa non chegou até a pasada semana e que non é certo que se producise o 20 de decembro —alén de que o 13 de decembro apareceran as primeiras noticias en prensa e que varios concellos insisten en que o notificaron tamén nesas datas—, o ministro de Transportes, Óscar Puente, acusou o mandatario galego de "escorrer o vulto". "A quen mente hai que desenmascaralo", dixo, a través das redes sociais.

"O 20 de decembro, tras as investigacións oportunas, comunicouse á Xunta o barco de procedencia, de bandeira liberiana e armador alemán que perdeu 6 contedores. Só un contiña pellets de plástico. O evento produciuse o 8 de decembro do pasado ano en augas portuguesas", apuntou.

Estas palabras foron tamén respondidas hoxe pola conselleira Ángeles Vázquez, que negou a existencia de tal comunicación e pediu a Puente "non enlamar" o terreo. Tamén defendeu, na liña de Rueda, que antes de elevar o nivel de alarma é o Goberno español o que debe concretar o número de toneladas que verteu o barco, pois o transporte marítimo "é a súa responsabilidade".

"É momento de traballar, de recoller os plásticos, de ser transparentes e de dar toda a información. Non é momento de enlamar, porque veño de escoitar unhas declaracións do ministro Puente nas que lonxe de tender a man, cousa que fixo onte Teresa Ribera [que se reuniu con Alfonso Rueda para abordar esta crise], pois hoxe Puente ten outra versión. Gustaríame que se puxesen de acordo", sinalou. Até o momento son 30 as praias afectadas, dixo.

Sobre a posíbel activación do nivel 2 de emerxencias do Plan de Continxencias de Contaminación Mariña da Galiza (Camgal), a vicepresidenta da Xunta manifestou que é o Goberno central quen tiña que activar "o protocolo para frear a contaminación marítima". "Primeiro nunha fase de prealerta e agora en normalidade nós non temos por que incrementalo, porque os técnicos e científicos non o ven necesario", alegou. Así, instou Moncloa a que "se a desculpa é non pór medios, o mellor que poden facer é ser claros".