Crise dos pellets

A Fiscalía do Estado abre dilixencias pola vertedura de pellets de plástico na costa galega

Recollida de pellets nunha praia da Coruña (Foto: Elena Fernández / Europa Press).
A presenza das pequenas bólas de plástico vertidas ao mar polo mercante 'Toconao' comezou a rexistrarse en áreas da Mariña, en areais dos municipios de Foz e Burela, a finais da pasada semana.

A Unidade Especializada no medio Ambiente da Fiscalía Xeral do Estado abriu dilixencias de investigación sobre a vertedura de pellets nas costas galegas, segundo confirmaron fontes da institución. Neste sentido, precisan que esta unidade xa abriu expediente de seguimento da situación o día 4 de xaneiro.

A presenza das pequenas bólas de plástico vertidas ao mar polo mercante Toconao comezou a rexistrarse en áreas da Mariña, en areais dos municipios de Foz e Burela, a finais da pasada semana, plástico que vén procedente das comarcas das Rías Baixas onde primeiro se detectaron.

O rastrexo destes microplásticos vai desde as zonas máis ao sur do país, como Nigrán, até o norte, a municipios da Mariña. En diferentes puntos trabállase na recollida. A Xunta cifrou esta segunda feira en 30 as praias afectadas, "con presenza" destes microplásticos.

Asturias

Tamén Asturias activou este luns o Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental do Principado de Asturias (Placampa) ante a presenza de pellets en varias praias do litoral occidental asturiano.