A Xunta multa con 450€ a plataforma ContraMINAcción por supostos ''destrozos'' durante un protesto

[Imaxe: Olalla]

O colectivo contra a minaría a grande escala vén sumarse á listaxe de organizacións sancionadas por se mobilizaren, como Queremos Galego e a Plataforma polo Aborto. Desta volta quen impón a multa é o Goberno galego


A plataforma ContraMINAcción vén de denunciar que a Xunta de Galiza lles impuxo unha sanción de 450€ como responsábel dos "destrozos" que se terían producido durante a manifestación contra a minaría realizada o 2 de xuño.

"Se os feitos detallados na denuncia se produciron diante da policía, por que non actuou nese momento?", pregúntanse desde o colectivo, considerando que se trata dunha "neglixencia" por parte d@s axentes "dificilmente críbel tendo en conta o seu habitual exceso de celo nas manifestacións". 

Os danos que atribúen aos e ás manifestantes inclúen pintadas en locais comerciais e o lanzamento de dous botes de fume. A denuncia entregada a ContraMINAcción está redactada nos mesmos termos que as multas impostas pola delegación do Goberno español na Galiza a outros dous colectivos sociais: a Plataforma polo Aborto e Queremos Galego. 

"Se o que pretenden é que quedemos na casa en vez de nos mobilizar, que o vaian esquecendo", adiantou Nela Abella, integrante da Plataforma pola defensa de Corcoesto. Desde o Sindicato Labrego, Margarida Prieto valorou a sanción nos mesmos termos que o fixeran xa as outras dúas organizacións multadas: "un claro intento de criminalizar a protesta social, ademais de intimidar e coaccionar a quen se opón aos seus plans de proxectos mineiros a grande escala".