Queremos Galego ve ''represión'' nas multas do Goberno español a colectivos sociais na Galiza

O colectivo en defensa da lingua presentou xa un recurso contra a sanción por uns desperfectos supostamente causados na manifestación do 17 de Maio. Os argumentos empregados por Madrid son os mesmos que aparecen nos partes policiais polos que foron multados outros colectivos sociais.


A plataforma cidadá Queremos Galego presentou esta cuarta feira perante a delegación do Goberno español na Galiza unha relación de alegacións en contra da sanción que lle foi anunciada pola institución dous meses e medio despois da realización do evento en que se terían producido os destrozos que lle atribúen ao colectivo: a manifestación do 17 de Maio. 

A organización está acusada de "guindar globos e ovos recheos de pintura" e de "realizar diversas pintadas en entidades bancarias e locais comerciais".

No concreto, Queremos Galego tería que responder por pintadas como 'Turismo é colonialismo', outra símbolo feminista na tenda de roupa e complementos Oysho e de máis unha realizada en Deutsche Bank e no Banco Santander na que se pode ler 'Lume ao capital'. "Ningunha delas ten a ver co obxectivo da manifestación, a defensa da lingua galega", indica o colectivo cidadán nas alegacións presentadas.

Até 6.000€ de multa ''para evitar que o pobo galego saia ás rúas''

Así as cousas, negaron os feitos denunciados e remítese á propia denuncia para sinalar que "as pintadas estaban dentro do itinerario da manifestación mais en ningún momento se sinala que fosen feitas durante o seu percurso nin que os seus autores fosen manifestantes". Os feitos foron cualificados polos denunciantes, a policía de Compostela, como “infracción grave”, sinalando como responsábel á organización do evento, Queremos Galego.  

A infracción podería ser sancionada cunha multa de entre 300,52 a 6010,12 euros, as mesmas cuantías que se fixan na denuncia que lle anunciaron á Plataforma polo Aborto por idénticos feitos: "numerosos destrozos" que se terían realizado na mobilización do 16 de xuño.

A "sospeitosa coincidencia nas argumentacións" das denuncias contra ambos colectivos sociais leva a Queremos Galego a encaixar o proceder do Goberno español "nunha campaña orquestrada para criminalizar os movementos sociais". Aliás, subliñan que o que se pretende é, "pola vía da represión, evitar que o pobo galego saia ás rúas".