A policía denuncia a Queremos Galego e a Plataforma polo Aborto por destrozos nas manifestacións

As plataformas polo Aborto e Queremos Galego veñen de recibir denuncias policiais polas que poden ser sancionadas con multas por destrozos nas manifestacións do 16 de xuño polo aborto e do 17 de maio pola lingua. As organizacións falan de “criminalización” das súas accións de protesta. 

 

Queremos Galego recibía hai dous días a denuncia pola manifestación celebrada o 17 de maio, dous meses e medio antes. Acusan á organización de ter “arroxado globos e ovos cheos de pintura e realizado pintadas en entidades bancarias e locais comerciais”. Citan, a seguir, polo miúdo unha serie de oito rúas nas que, segundo a denuncia, se terían realizado as pintadas no transcorrer dunha manifestación na que “participaron diversos colectivos e organizacións portando diversas pancartas en defensa da lingua galega”. A Queremos Galego acúsaselle de, entre outras, unha pintada que reza “Turismo es colonialismo” ou outra co símbolo feminista no establecemento Oysho ademais dunha en Deutsche Bank e no Banco Santander na que se pode ler “Lume ao capital”. 

A cualificación da denuncia é “infracción grave” con responsabilidade aos organizadores e promotores da manifestación e o órgano competente que a asume é o Delegado do Goberno. A infracción, segundo sinala a denuncia, pode ser sancionada cunha multa de entre 300,52 a 6010,12 euros. Notifícaselle a Queremos Galego que se inicia un procedemento sancionador contra a plataforma como “responsábel” dos feitos relacionados, é dicir, as pintadas en oito rúas de Santiago por motivos diversos. Como denunciante consta a comisaría de Policía de Santiago. 

Desde Queremos Galego, a súa coordinadora Susana Méndez non dubida en falar de “criminalización” das organizacións que se manifestan na defensa de dereitos sociais. Despois de se coñecer que a Plataforma polo dereito ao Aborto recibira unha notificación similar, ao seu ver, “está claro que queren impedir que se manifeste a oposición con medidas represoras”. Queremos Galego está a estudar legalmente a resposta á denuncia recibida.