A Xunta prefire manter as máscaras nos recreos mentres as crianzas non teñan dúas doses da vacina

Familias agardan a vacinación das crianzas, nunha imaxe de hai uns días en Compostela. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
A pouco menos de 24 horas que a nova normativa sobre máscaras entre en vigor, o presidente da Xunta optou por xerar a "dúbida" sobre o que finalmente fará a Xunta.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, afirma que preferiría que as crianzas manteñan a máscara posta durante os recreos mentres non conten con dúas doses da vacina contra a Covid-19.

As palabras do dirixente do Partido Popular (PP) chegan despois de que o Goberno español anunciase a fin das máscaras en exteriores e nos patios dos centros educativos a partir da quinta feira.

Feixoo tamén afirmou que trasladou ao comité clínico se esta medida contradí o protocolo educativo deseñado polo Executivo español, xa que, segundo o presidente do Goberno galego, existe unha "contradición" entre estas dúas nomativas.

Tamén criticou ao Goberno español por non "clarificar" se o protocolo educativo queda deposto con esta nova normativa, e acusouno de actuar con "bastante improvisación".

"Retirar" as máscaras

Hai catro meses, en outubro do ano pasado, a postura do presidente da Xunta era a contraria. Naquela altura, Feixoo abogou por "retirar" as máscaras nos recreos.

O presidente da Xunta, nun acto en Andalucía naquel momento, afirmou que estaba a estudar se, a pesar de que a lei que rexe o emprego das máscaras é estatal, "legalmente" unha autonomía podía determinar a retirada das máscaras.

"Se a lei o permite, valorarémolo no comité clínico de Saúde", manifestou Feixoo en outubro.