A Xunta mantén en residencias casos de emerxencia social e psiquiatría sen atención

A conselleira de Política Social, Fabiola García, durante unha visita a unha residencia pública de maiores. (Foto: Xunta da Galiza)
Persoal do centro do Meixoeiro denuncia unha convivencia "insostíbel"

Persoal do Complexo Residencial de Atención a Persoas Dependentes (CRAPD) I de Vigo insta á Consellaría de Política Social a "intervir e analizar" os perfís das persoas usuarias en emerxencia social derivadas ao centro. Segundo describen nun informe ao que tivo acceso Nós Diario, a residencia atravesa unha situación de "urxencia sociosanitaria" que pon en "perigo inminente" tanto ás residentes como ás profesionais encargadas de atendelas.

A convivencia é "insostíbel", afirman. "O problema é que existe unha mestura de perfís complexos que deberían ser atendidos por persoal multidisciplinar, especialidazo, e gozar duns protocolos sociosanitarios específicos dos que non dispoñemos do centro", aclaran.

Neste complexo do Meixoeiro contan cos recursos e servizos propios dunha residencia para o coidado de persoas maiores e dependentes, mais desde hai un ano acollen tamén un perfil de usuarios distintos, persoas derivadas pola Xunta da Galiza con trastornos psiquiátricos severos e problemas graves de adicción.

"Agora mesmo conviven residentes con problemas de agresividade explosiva con persoas maiores de perfil débil; residentes procedentes do senfogarismo, con problemas de drogodependencia severa, pacientes psiquiátricos e persoas procedentes de contornas penais sen un plan de reinserción adecuado con maiores dependentes ou con problemas de mobilidade".

As instalacións non están adaptadas, non existen protocolos específicos e o persoal non ten formación especializada nin dispón de apoios ou persoal de reforzo antes situacións que, de súpeto, se tornan violentas ou perigosas. "A convivencia faise insostíbel pola falta dos recursos adecuados para lograr unha integración e atención adecuadas", insisten, polo que piden a intervención da Administración pública.

O cadro de persoal da residencia pública do Meixoeiro asegura que o seu non é un caso illado e apuntan que outros centros públicos en Monforte (Terra de Lemos), Oleiros (comarca da Coruña) ou Compostela están a vivir unha situación similar.

Hai pacientes psiquiátricos ou con problemas de adicción que precisan un seguimento directo, terapeutas que os acompañen e mesmo espazos diferenciados. "Agora mesmo teñen acceso a todas as estancias da residencia, e no comedor, por exemplo, a utensilios cos que poden mancarse ou facer dano a outras persoas".

No centro de Vigo hai tempo que dispoñen dun rexistro de agresións no que anotan as ameazas e os ataques físicos e verbais dirixidos "tanto a residentes como ao persoal", que denuncia reiterados problemas de comportamento e dificultades para facer acatar, nalgúns casos, as normas básicas de convivencia.

Atención digna

Refiren un clima de tensión permanente que xa deron a coñecer á Consellaría de Política Social. "O medo e as molestias son continuas e non podemos seguir así. Non abonda con trasladar os usuarios conflitivos de centro, non se trata de estigmatizalos senón de ofrecerlles a atención digna que necesitan e merecen". Por iso piden un centro específico para os perfís máis complexos  "onde poidan ser atendidos de forma segura e especializada, con recursos suficientes", conclúen.


Atención integral en unidades específicas

O BNG rexistrou varias iniciativas no Parlamento para demandar ao Goberno da Xunta a creación de unidades específicas para atender os casos de emerxencia social e psiquiatría que están a ser derivados a centros de maiores. A deputada Alexandra Fernández chama a pór en marcha unidades de psicoxeriatría nas residencias e a crear centros extrahospitalarios de carácter residencial que garantan unha atención integral.

A preguntas de Nós Diario, a Consellaría de Política Social asegura que "o novo modelo de residencias inclúe a creación de unidades psicoxeriátricas especializadas" e precisa que o Sergas "incrementou a atención a persoas con un trastorno mental grave" que viven en residencias a través de programas específicos "que contan con psiquiatras e persoal de enfermaría especialista en saúde mental, que levan a cabo labores de atención directa, consultoría e apoio por telemedicina".