martes 14.07.2020

Corentena a pesqueiros galegos en Seychelles por coronavirus entre a súa tripulación

Son os primeiros casos confirmados de COVID-19 no arquipélago en máis de dous meses

(Artzi)
(Artzi)

Seychelles informou dos tres primeiros novos contaxios de coronavirus en dous meses, os cales afectan a tripulantes dunha frota de pesqueiros vascos e galegos que chegaron ao arquipélago esta terza feira e cuxos mariñeiros foron postos en corentena.

O responsásbel de Sanidade, Jude Gedeon, anunciou a última hora deste mércores que os tres casos positivos forman parte dos 207 mariñeiros africanos que chegaron ao arquipélago para unha substitución de tripulantes da frota atuneira.

Gedeon indicou que todos eles se someteron a un control de saída nos seus países de orixe, con PCR incluído, tres días antes de partir cara ao arquipélago a petición das autoridades Seychelles. "Todos os resultados de laboratorio enviados á Autoridade de Saúde Pública e revisados por esta foron negativos", indicou.

Con todo, os test rápidos realizados polas navieiras unha vez os mariñeiros estiveron a bordo mostraron que 20 deles presentaban trazas de COVID-19 no seu sistema.

Ante isto, os axentes locais da navieira puxéronse en contacto coas autoridades co fin de confirmar o resultado e adoptar as medidas pertinentes, explicou Gedeon, citado pola axencia de noticias de Seychelles SNA.

A continuación, persoal sanitario acudiu a bordo de sete dos barcos para volver realizar a proba a once dos 20 mariños. "Dos once homes aos que se fixeron PCR, tres deronresultados positivos aínda que todos están ben e ningún mostra ningún síntoma nin está enfermo", precisou Gedeon.

Os tres casos positivos foron postos en illamento a bordo dos seus barcos e toda a tripulación se atopa en corentena nas embarcacións.

Por outra banda, o responsable aclarou que os mariños chegaron a bordo dun avión de Air Seychelles e que o seu traslado se fixo baixo controis estritos e sen apenas contacto co persoal. Todos eles levaban máscara e o seu traslado fíxose conforme aos estándares de seguridade previstos.

O arquipélago situado no Índico e composto por 115 illas só rexistrara até a data 11 casos de COVID-19 e desde o pasado 5 de abril non sumara ningún novo contaxio. As autoridades de Seychelles confían en poder reabrir ao turismo o próximo mes de agosto, a súa principal fonte de ingresos, á que lle segue a pesca.

comentarios