A Xunta lanza unha nova lei de terras

A escasa superficie das explotacións galegas aumentan o seu custo de explotación. (Foto: Nós Diario)
Galiza perdeu 88.643 hectáreas de superficie agraria útil nos últimos 30 anos.

Alberto Núñez Feixoo sacou peito de axenda lexislativa do seu Goberno. O mesmo día no que o Parlamento da Galiza iniciou o debate da nova lei de residuos, museos e saúde, o presidente galego aproveitou a comparecencia posterior ao Consello da Xunta para dar a coñecer as liñas mestras da denominada Lei galega de recuperación de terras. Feixoo, acompañado do conselleiro de Medio Rural, José González sinalou que con esta nova norma o Executivo pretende dotar Galiza de novos instrumentos que permitan mobilizar o terreo rural abandonado ou sen uso, ademais de “completar” a política de “impostos cero” no rural no referido aos tributos galegos e impulsar as vantaxes fiscais no agro.

A proposta da Xunta chega após certificarse na Galiza unha importante diminución da superficie agraria útil (SAU) nos seus anos de Goberno. Se damos por bos os datos oficiais fornecidos polo Ministerio de Agricultura, na súa última Enquisa sobre a estrutura das explotacións agrícolas, realizada polo Instituto Nacional de Estatística (INE), Galiza perdeu nos últimos 30 anos 88.643 hectáreas para actividade agraria, o que significou unha baixa de 12,5% en relación a 1987.

Naquela altura contaba con 710.514 hectáreas de SAU e 227.359 explotacións cunha base territorial de 3,12 hectáreas, fronte a 612.143 hectáreas de SAU e 79.994 explotacións cunha base territorial de 8,29 hectáreas de 2016.

A ausencia de base territorial é un dos principais problemas que enfronta o complexo agrario galego. Así, por exemplo, no caso lácteo a extensión das granxas no conxunto europeo aproxímase a 40 hectáreas, unha superficie moi superior ás galegas, o que provoca unha desvantaxe comparativa como consecuencia da alza dos custos de produción. Precisamente, a maior dependencia de pensos ou do mercado de forraxes provoca que as explotacións galegas deban destinar 55% dos seus ingresos a facer fronte aos gastos de alimentación dos animais, situación inédita no contexto comunitario.

Os ‘polígonos agroforestais’

O conselleiro de Medio Rural, José González, anunciou que a proposta de lei vai promover a posta en marcha de “polígonos agroforestais” para dar resposta “á demanda de base territorial nunha zona agrupando unha superficie mínima”. González, quen sinalou que a superficie dos polígonos vai ser diferente en función das comarcas, insistiu na voluntariedade por parte dos propietarios para participar nestas unidades de actuación. González significou o interese da Xunta en xerar “beneficio” aos donos do solo mediante a compra ou o arrendamento do terreo e excluíu as expropiacións.

“Abriríase un proceso de investigación para tentar atopar o propietario e, se non é posíbel, rematado o proceso nesa finca inscribiríase a nome do Banco Terras sempre coa intención de cederlla a quen teña interese”, explicou González en relación con aquelas parcelas de propietarios descoñecidos ou non localizábeis.

O conselleiro tamén avanzou o fomento doutros instrumentos como as “aldeas modelo” e garantiu liñas axudas e investimento por parte do Goberno galego, aínda que recalcou tamén que esta norma aspira a relanzar a iniciativa privada no rural reforzando o papel de intermediaria da Administración.