O PP oponse a outorgar axudas á cultura e aos colectivos en risco de exclusión social

A crise económica manda no Parlamento

A crise económica derivada da pandemia centrou boa parte da sesión de hoxe no Parlamento da Galiza. Neste sentido, as forzas da oposición formularon diversas iniciativas dirixidas a minorar o seu impacto naqueles sectores sociais máis afectados, sen conseguir o apoio do Partido Popular ás súas propostas.
Un momento do pleno que decorreu esta cuarta feira. (Foto: Europa Press)
photo_camera Un momento do pleno que decorreu esta cuarta feira. (Foto: Europa Press)

A axenda económica mandou no último pleno do Parlamento da Galiza. Nesta liña, a parlamentaria do BNG Noa Presas demandou do Goberno un “plan de emerxencia social para a Galiza co obxectivo de paliar a grave situación de pobreza existente e enfrontar as consecuencias sociais da crise económica provocada pola pandemia”. A deputada nacionalista apostou por unha proposta “deseñada de forma transversal por todos os departamentos do Goberno galego en diálogo cos e coas profesionais dos servizos sociais, os movementos sociais, os sindicatos e os axentes sociais implicados”.

A iniciativa formulada polo BNG instou o Goberno a non acometer retallos ao longo desta lexislatura nas partidas orzamentarias das consellarías responsábeis dos servizos públicos básicos. Ao tempo, esixiu “medidas efectivas de natureza económica como o cumprimento dos prazos para o cobro de prestacións sociais ou programas de vivenda efectivos que garantan que ningunha persoa ou familia sexa desafiuzada da súa vivenda” e “ordes de axuda específicas, así como a inclusión noutras ordes de axudas, subvencións e liñas de acceso a crédito, para as entidades do terceiro sector, de cara a que poidan superar a situación xerada pola Covid-19 e o incremento de gastos non previstos”.

Sectores en risco de exclusión social

A moción defendida por Noa Presas puxo o foco no funcionamento da Renda de Inserción Social da Galiza (Risga) e do Ingreso Mínimo Vital (IMV), obxecto de moitas críticas pola súa falla de eficacia á hora de dar resposta á situación de emerxencia social. A este respecto, Presas reclamou a transferencia á Galiza do programa do IMV de “cara a unha Renda galega de inserción social e laboral concibida como un rendemento básico que englobe o conxunto de prestacións” co obxectivo de “que ningunha persoa residente na Galiza caia ou fique na pobreza e na exclusión social”. Na mesma liña, a deputada do BNG urxiu o Goberno a asumir as propostas da Rede Galega contra a Pobreza, nomeadamente nos aspectos referidos ás persoas sen fogar e á erradicación do chabolismo.

O Partido dos Socialistas da Galiza tamén instou o Goberno a desenvolver medidas de apoio aos sectores máis golpeados pola crise. Nunha proposta defendida por Juan Carlos Francisco Rivera, reclamou “axudas directas ao sector dos hoteis, restaurantes e cafetarías da Galiza por importe de 100 millóns de euros” e “suplementos de axuda directa aos autónomos e pemes afectados pola Covid-19, por importe de 150 millóns de euros”. Francisco Rivera esixiu á Xunta da Galiza un maior compromiso con aqueles colectivos en risco de exclusión social e demandou un reforzo do servizo de axuda no fogar, mediante “o aumento da porcentaxe que asume a Xunta no financiamento do servizo de axuda no fogar ordinario”.

A proposta dos socialistas apostou por un maior apoio da Xunta da Galiza aos concellos para facer fronte ás urxencias económicas derivadas da pandemia. Así, urxiu un aumento dos “fondos adicionais aos concellos nos orzamentos da Xunta a través de fondos locais extraordinarios pola Covid-19, distribuídos con criterios obxectivos, e un incremento do fondo de cooperación local que polo menos duplique o actual”. Na mesma liña, defendeu “asumir demandas da Fegamp en relación cos fondos autonómicos dedicados aos concellos e á cobertura por parte da Xunta do financiamento de servizos prestados polas administracións locais máis alá das 
súas competencias”.

Así mesmo, a deputada nacionalista Mercedes Queixas amosou a súa preocupación pola situación do sector cultural, un dos colectivos máis afectados pola axenda económica da pandemia. Neste sentido, reclamou un diálogo da Administración galega cos representantes do tecido cultural e “un plan de rescate dos sectores culturais galegos que palíe o grave impacto económico derivado da inactividade laboral á que foron obrigados desde o comezo do confinamento”.

Queixas reclamou “ordes de axudas directas e específicas para o sector cultural, así como a inclusión do mesmo noutras ordes de axudas, subvencións e liñas de acceso a crédito, adecuadas á diversa tipoloxía que caracteriza o sector, contemplando a súa condición laboral, nalgúns casos, intermitente, así como a súa constitución maioritaria como autónomas, micropemes e cooperativas sociais”. Ao tempo, chamou a “activar en 2021 un plan de axudas directas á creación, para reforzar o proceso creativo dos autores e das autoras galegas como primeiro chanzo de activación da cadea da industria cultural”.

Comentarios