Opinión

Os Sectores Gandeiros na encrucillada

As producións gandeiras son actualmente un elemento clave no medio rural galego, tanto o vacún de leite como no vacún de carne, como as de gandería sen terra (porcino, avícola, cunícula…) e, igualmente, as producións de ovino cabrún, supoñendo unha importante porcentaxe na produción final agraria, especialmente a produción de leite e de carne de vacún. 

A importancia destes sectores non só procede do tecido económico que se desenvolve con esta actividade, senón que son un elemento clave para manter un medio rural vivo, e nun momento como o actual, observamos que unhas aldeas con actividade se converten no principal método de prevención de incendios, como os que asolaron boa parte da Galiza rural nos últimos meses do pasado verán. É fácil comprobar que as zonas con maior risco de incendios son lugares onde cada vez é menor a actividade agrogandeira, e sofren un importante abandono, pasando en moitos casos a engrosar a longa lista de aldeas abandonas que temos neste país.
Evidentemente que para poder vivir dignamente das actividades gandeiras precisamos de prezos capaces de cubrir os custos de produción, e, ao mesmo tempo, garantir un salario que permita vivir dignamente do noso traballo. Na actualidade, tanto a produción de leite como a de vacún de carne están a sufrir dun modo especial a crise dos baixos prezos que dificulta seriamente a viabilidade de moitas ganderías galegas.

Desde hai anos, boa parte das mobilizacións no sector lácteo rematan asignando un acordo de intencións, entre os distintos membros da Inlac (Interprofesional Láctea Estatal), co aval da Consellería e do Ministerio de Medio Rural. Como exemplo, o acordo para a estabilidade e sustentabilidade da cadea de valor do sector de vacún de leite, asignado no ano 2015 por industrias, distribución, e unha parte do sector produtor, concretamente os sindicatos Asaja e UPA-UUAA. Os compromisos adquiridos quedaron unha vez máis en papel mollado, os prezos seguen a estar por debaixo dos custos de produción, as explotacións seguen a desaparecer, nestes momentos en Galiza somos 6.903 ganderías producindo leite, e boa parte delas cun importante endebedamento. Nesta lexislatura, o Goberno central, puxo en marcha a nova lei da cadea alimentaria, que en teoría prohibía vender por debaixo dos custos de produción, algo que o final queda en papel mollado como consecuencia de que as empresas lácteas están obrigando a gandeiros e a gandeiras a asignar un documento no cal figura que o prezo imposto pola industria cubre os custos de produción, e no caso de non asignar ameázante con deixar de recoller. Resulta curioso como empresas lácteas acabadas de chegar a Galiza, da man do presidente da Xunta, aproveitaron esta nova lexislación para aplicar baixadas de prezos ás ganderías galegas.

No que respecta á produción de carne de vacún, a crise da Covid-19 afectou directamente aos prezos que perciben os produtores galegos, especialmente como consecuencia do peche da hostalería. A día de hoxe, os prezos dos xatos están a sufrir baixadas considerables, ao redor de 0,8 euros o quilo canal desde o inicio da crise. A crise neste sector viuse agravada como consecuencia da falla de exportacións de animais vivos a outros estados, o que está a orixinar un certo stock. En todas as crises observamos igualmente como moitos compradores utilizan este argumento para seguir a pagar prezos baixos, aínda que cambien as condicións dos mercados.

Está claro que as producións gandeiras son claves no futuro do rural galego, sen elas Galiza avanzará cada día máis cara a ese eucaliptal, que tanto se persegue dende a Xunta de Galiza gobernada polo PP. Para que estas producións sexan rendibles é preciso traballar en conseguir unhas relacións comerciais dignas, capaces de garantir prezos que realmente cubran os custos de produción. E para a fixación deses prezos temos suficientes organismos e estudos realizados, capaces de definir os prezos xustos para os nosos produtos. Só fai falla vontade política, e non unha lexislación que pode quedar moi ben de cara a fóra, mais que non implica ningún tipo de compromiso por parte das industrias que operan na cadea alimentar.

Comentarios