A Xunta investiga a legalidade da leira de eucaliptos do edil de Vilasantar expedientado por regas “irregulares”

Repoboación de eucalipto no Cádavo, Baleira, na comarca da Fonsagrada, en abril de 2021 (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O Executivo galego deberá determinar se a plantación se axusta á normativa legal vixente

A Xunta da Galiza, a través da Consellaría do Medio Rural, abriu un novo expediente contra o concelleiro do PP en Vilasantar (comarca das Mariñas) José Emilio Mahía Neira ante os indicios de que non se axusta á legalidade a leira de eucaliptos que supostamente regaba de forma irregular, feitos polos que foi denunciado pola Garda Civil e que carrexaron o inicio dunha investigación por parte da Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade.

Paralelamente a este procedemento que xestiona Augas da Galiza, fontes da Consellaría do Medio Rural confirmaron o inicio doutro expediente que, neste caso, deberá determinar se a leira de eucaliptos se axusta á normativa legal relativa a plantacións desta especie.

O departamento concreta que o expediente aínda non está resolto a día de hoxe e que, do mesmo xeito que co que está en mans de Augas da Galiza, unha vez estea fechado procederase a impor as sancións que correspondan.

A Xunta lembra que están activos os estados de prealerta por escaseza moderada de auga ou seca prolongada en varios sistemas de abastecemento da conca Galiza-Costa, demarcación hidrográfica que depende da Administración galega.

"Tanto as Administracións públicas como os cidadáns e as cidadás deben realizar un consumo responsábel da auga, restrinxindo usos innecesarios como as regas, os enchidos de piscinas ou os baldeos", engaden.