A Xunta intervén o Asilo de Vilalba por un gromo que afecta xa 132 persoas

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no Parlamento. (Foto: Xunta)
Unha parte das persoas infectadas polo coronavirus van ser trasladadas á residencia integrada estabelecida no Cegadi, en Compostela.

A Xunta vén de intervir a residencia Asilo de Vilalba logo de que o gromo do que se falaba hai unhas horas e que afectaba a 30 persoas se disparase até os 132 positivos. Un dos obxectivos é o de reformar o persoal de atención.

Polo momento, segundo as autoridades sanitarias hai 114 usuarias e usuarios enfermos así como 18 traballadores. Porén siguen facéndose probas para comprobar a afección real da Covid-19 nesta instalación.

Unha vez avaliada a situación, as consellarías de Sanidade e Política Social apostaron nesta medida para garantir a calidade asistencial.

Así o explican nun comunicado no que tamén falan da necesidade de protexer correctamente ás e aos residentes e ao cadro de persoal desta infraestrutura.

Ambos departamentos xa mandaron equipos de traballo ao xeriátrico para avaliar a situación de maneira permanente e máis polo miúdo.

Desde o Sergas comunicaron que se ocuparán de que haxa unha atención sanitaria axeitada no centro residencial vilalbés malia o gran número de doentes e a baixa obrigada dunha parte importante do persoal.

Para iso algunhas e algúns dos contaxiados polo virus serán eenviados á residencia integrada que se montou no Cegadi, en Compostela, para dar atención a estes casos excepcionais.