Volve aumentar o número de contaxios: 667 en 24 horas

(Foto: Europa Press)

A área viguesa notifica máis do 40% dos novos casos confirmados por PCR.

Os contaxios da Covid-19 detectados por PCR en 24 horas ascenden a 667, cifra que supón un total de 166 casos máis que os notificados hai un día. O maior incremento prodúcese en Vigo, onde os positivos detectados dispáranse até os 282.

Así se desprende dos datos actualizados na mañá desta quinta feira na web da Consellería de Sanidade, con cifras até as 18:00 horas da cuarta feira que reflicten un novo incremento dos casos activos despois de varios días de descensos. En concreto, soben en 47 e sitúanse en 9.098.

Máis do 40% dos positivos por covid-19 detectados por PCR nas últimas 24 horas correspóndense coa área de Vigo, que notifica 282 casos, 174 máis que na xornada anterior. A segunda área que máis positivos comunica é a da Coruña, con 122 novos casos, os mesmos que os comunicados na terza feira.

Pola súa banda, a área de Santiago e Barbanza notifica 67 novos contaxios, cifra que supera en sete á comunicada na terza. Tamén informa de 67 positivos a de Pontevedra, con todo, neste caso, implica unha baixada de 11 casos con respecto á pasada xornada.

Así mesmo, en Ourense, aumentan os confirmados nas últimas 24 horas até os 44 -11 máis-; así como en Ferrol, que comunica 34 -13 máis- Pola súa banda, baixan en Lugo, onde se confirmaron 51 contaxios -18 menos.

Con estes datos, os casos activos experimentan subidas tanto na Coruña como en Vigo. Así, a área viguesa é a que rexistra máis pacientes coa infección activa, con 2.422 -105 máis-; mentres que a coruñesa son 1.888 -nove máis-.

Ademais, mantéñense en 749 os casos activos na área sanitaria de Ourense mentres baixan no resto.

As vítimas mortais na Galiza con coronavirus ascenden a 1.107 despois de que na xornada de onte fosen comunicados 15 novos falecementos.