A Xunta saca a información pública o proxecto do parque eólico de Monte Neme, en Bergantiños

Imaxe de arquivo do Monte Neme. (Foto: Nós Diario)

Pódense presentar alegacións durante un prazo de 30 días a partir desta quinta feira.

A Xunta, a través do Diario Oficial da Galiza (DOG) vén de facer público o proxecto do parque eólico de Monte Neme, que afectará os concellos de Carballo e Malpica de Bergantiños. En concreto, o DOG recolle a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, a ncesidade de urxente ocupación, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental ´(EIA) e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal.

A empresa solicitante, Enel Green Power España, instalará catro aeroxeradores cunha potencia de seis megawatts cada un, 24 en total. Porén, segundo afirma a Xunta, a potencia máxima do parque será de 16 megawatts. O Goberno galego explica que o parque contará cun sistema de regulación configurado para limitar a potencia activa máxima a eses 16 megawatts "de xeito permanente".

Pódense presentar alegacións durante un prazo de 30 días a partir desta quinta feira. Despois, se o proxecto segue adiante, contará cun prazo de execución de 8 meses, e cun orzamento de case 18,5 millóns de euros. Segundo as previsións do Executivo e da empresa, terá unha produción neta de 56.526 megawatts hora ao ano.

 Este proxecto contou desde o primeiro momento coa oposición frontal de numerosos colectivos e asoociacións que ven na instalación de aeroxeradores a acción que fomenta o "comezo do deterioramento final do litoral natural carballés: o conxunto marisma de Baldaio, praia de Razo-Baldaio e Monte Neme".

Política eólica da Xunta

Este novo parque eólico súmase ao auxe de proxectos impulsados polas grandes empresas eléctricas coa conivencia da Xunta, ou nalgún caso mesmo fomentados polo propio Goberno galego, que a oposición critica por estar a crear unha "burbulla eólica" na Galiza.

A finais de xaneiro, os deputados Luís Bará (BNG) e Noelia Otero (PSdeG) cuestionaron o conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde sobre o desenvolvemento do sector eólico na Galiza. Na súa intervención, o conselleiro subliñou que a Xunta "só autoriza" os proxectos eólicos que cumpren "todas as garantías técnicas, xurídicas e ambientais".

O deputado nacionalista instou a que o PP "pare definitivamente a súa política eólica depredadora para favorecer as grandes empresas eléctricas", e referiuse ao caso do proxecto eólico dos Cotos, en Cerdedo-Cotobade, polas irregularidades detectadas pola Xunta e a documentación da empresa concesionaria do proxecto.

Pola súa parte, Noelia Otero (PSdeG) censurou o "fracaso" da política enerxética da Xunta, que considerou que se caracteriza polas "improvisacións lexislativas" realizadas de "forma unilateral" e que só xeran "divisións e inseguridade xurídica" entre os diferentes actores implicados.