A Xunta incrementa o apoio económico dos centros de ensino concertados

Os concertos supoñen 14,5% do custo total da ensinanza non universitaria (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
A Consellaría de Educación destina unha nova partida de 182.520 euros para desenvolver diferentes actividades relacionadas coa lectura nas escolas concertadas.

O Goberno galego volve apostar no ensino concertado cunha nova liña de subvencións que permitirán mellorar as bibliotecas destas infraestruturas.

O Diario Oficial da Galiza (DOG) recolle nesta sexta feira unha orde da Consellaría de Educación sobre unha convocatoria de axudas para centros de ensino concertados da Galiza no ámbito das bibliotecas escolares e o fomento da lectura, de cara ao presente curso 2021-22.

En concreto, Educación achega unha partida de 182.520 euros "destinada a apoiar os procesos de transformación das bibliotecas en centros de recursos de lectura, información e aprendizaxe, favorecer as actividades de fomento da lectura e de educación no acceso e uso da información; favorecer a creación de laboratorios de radio vinculados á bibliotecas xa integradas no Plan de mellora e facilitar avances cara unha biblioteca inclusiva".

Este ano súmanse á convocatoria oito centros: CPR Manuela Rial Mouzo (Cee), CPR Casa do Mozo (Compostela), CPR Divino Maestro (Ourense), CPR Compañía de María (Cangas), CPR Possumus, CPR Nosa Señora da Esperanza, CPR María Inmaculada e CPR Atalaia-Cantabria (todos eles en Vigo). En total, tan só no que se refire á mellora das bibliotecas levarán perto de 45.000 euros.

Outros 36 centros entran neste plan de mellora de bibliotecas escolares, con montantes que van desde os 1.350 euros até os 6.900, no caso do CPR Santa María de Ourense.

Aliás, 24 centros de ensino benefícianse da liña de axudas destinada a fomentar clubes de lectura; tres entran no programa de radio na biblioteca con máis de 6.000 euros a repartir, e outros once participan do plan de bibliotecas inclusivas, cuxa partida é de 12.600 euros.

Hai varios colexios que levan fondos en distintas categorías das axudas e son numerosas as instalacións vinculadas con determinadas entidades relixiosas que terán apoio en distintas localidades do país.

O que pretende a Xunta co seu investimento, segundo recolle o documento oficial, é apoiar “os procesos de transformación das bibliotecas en centros de recursos de lectura, información e aprendizaxe”, entre outras cuestións. Ademais, reclámase publicidade do programa da Administración tanto nas páxinas webs dos centros como nas documentos relativos aos espazos subvencionados.

Contra a orde aínda cabe recurso potestativo ante o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, no prazo de 30 días.

Un de cada seis euros de Educación destínase á concertada

Cómpre lembrar, tal e como xa informou Nós Diario, que a Xunta aumentou nos orzamentos de 2022 as partidas destinadas ao ensino concertado en oito millóns de euros, alcanzando os 333,3 —14,5% dos fondos totais de Educación—. Son 19 millóns máis que en 2019.

Na Galiza hai actualmente 1.646 colexios e institutos de todas as etapas educativas. dos cales 1.227 son de titularidade pública e os 419 restantes, privados —227 deles teñen un réxime de concerto—.