Veciñanza alega contra a autovía da Xunta que afectaría a reserva da biosfera do Rato

Representantes sindicais, políticas e veciñais rexistrando onte en Lugo as súas alegacións contra a estrada do Rato (Foto: Nós Diario).
A decisión da Xunta da Galiza de construír unha autovía sobre a reserva da biosfera do río Rato está a provocar unha gran contestación social en Lugo. Esta terza feira mesmo, entidades ecoloxistas, organizacións políticas e veciñanza das zonas afectadas rexistraron as súas alegacións contra esta proposta.

O proxecto de executar unha autovía sobre o parque do río Rato arranca do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Lugo de 2003. A proposta, impulsada polo Goberno socialista de José López Orozco, recollía a construción dunha vía entre a N-640 e a A-6 co obxectivo de desconxestionar a circulación na cidade. Neste sentido, xustificábase esa nova estrada en base ao suposto incremento do tráfico, como consecuencia do aumento futuro da poboación.

As proxeccións de poboación e tráfico estabelecidos no PXOM non se cumpriron. Mentres o documento de ordenación prevía un importante incremento dos residentes para 2020, cifrándoos en 115.590 persoas, os habitantes téñense reducido a 97.211. Na mesma dirección, a intensidade do tráfico por esta área é inferior ás cifras proxectadas, recoñecendo a Xunta que no horizonte de 2045 non superará os 45.000 vehículos.

O tenente de alcalde do Goberno de Lugo e voceiro do BNG na corporación, Rubén Arroxo, advirte a Nós Diario do impacto da autovía. Nesta liña, apunta que “a estrada proxectada cárgase o núcleo de Bosende, desvertebrando un lugar con máis de 200 veciños e veciñas”. Na mesma orientación, lembra  a súa incidencia sobre “o parque do río Rato, un dos grandes pulmóns verdes da cidade, cualificado pola Unesco como reserva da biosfera”.

Unha gran zona verde

Arroxo apunta que “desde a proxección desta vía hai 20 anos, a zona afectada na contorna do río Rato converteuse nunha das zonas públicas máis usadas pola veciñanza de Lugo a nivel deportivo, social ou cultural”. A este respecto, incide en que “o impacto desta infraestrutura na contorna terá unhas consecuencias sumamente negativas no uso e goce do mesmo por parte da cidadanía de Lugo. A construción desta vía, tal e como está proxectada o seu trazado, afectará a riqueza ecolóxica do val do río Rato”.

A asociación ecoloxista Adega amosa a súa preocupación polo impacto ambiental desta estrada. Neste sentido, o secretario xeral da entidade, Froilán Pallín, denuncia, en declaracións a Nós Diario, que “o proxecto é incompatíbel co Plan de acción da reserva da biosfera Terras do Miño” e lembra que “ Lugo é a única capital de provincia dentro dunha reserva da biosfera na península Ibérica”.

Pallín explica que “a documentación do proxecto non avalía correctamente o impacto do trazado do viario sobre as especies, incluíndo aquelas ameazadas de extinción e a información sobre fauna non se axusta ao trazado actual, sendo o inventario de fauna do proxecto de trazado manifestamente incompleto, supondo a eliminación de especies ameazadas e contravindo ademais a lexislación ambiental vixente”.

Declaración de Impacto Ambiental

Os colectivos opostos a este trazado cuestionan a legalidade da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) da autovía. Nesta liña, Adega considera que “a DIA de hai case vinte anos non pode considerarse válida, os datos contidos son obsoletos, e contén datos erróneos”. Ao tempo, Arroxo apunta “a non validez da Declaración de Impacto Ambiental publicada na Resolución de 12 de xaneiro de 2005, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, de 29 de novembro de 2004 ao ter transcorrido máis de catro anos da súa aprobación e superar o prazo de vixencia fixado pola lexislación”.

Arroxo denuncia tamén o impacto da autovía sobre o patrimonio. A este respecto, revela que “o propio proxecto da obra recoñece que afecta a Vía Künig do Camiño de Santiago”, incidindo Pallín en que “a obra destrúe un número importante de bens catalogados pola Unesco como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade”. Precisamente, Pallín amósase convencido que “esta estrada non se construirá porque a presión social obrigará a Xunta a dar marcha atrás”.