A Xunta impulsa o campamento xuvenil ultradereitista da OJE en Ons

A directora xeral de Xuventude participou na clausura do campamento de verán da OJE na Galiza. (Foto: Xunta da Galiza).
O Goberno galego destaca o "labor educativo" do campamento de verán da Organización Juvenil Española que esta segunda feira finalizou na illa de Ons.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu esta segunda feira á clausura do segundo campamento de verán organizado pola Organización Juvenil Española (OJE) na Galiza, e que nesta ocasión tivo lugar na illa de Ons.

Segundo destaca a Xunta da Galiza nun comunicado, durante o encontro coa cativada e o equipo de monitores que a acompañou, a responsábel de mocidade puxo en valor o labor educativo desta iniciativa.

Gabanzas da Xunta

Ademais, a directora xeral agradeceu á entidade organizadora a achega á Galiza das súas actividades así como a oportunidade que lle brindou a 41 nenos e nenas de entre 6 e 16 anos de "coñecer a xeografía galega "durante a semana que botaron en Ons.

Neste sentido, lembrou que os campamentos de verán son, ademais dun importante recurso de conciliación familiar, un mecanismo para transmitir valores e boas conductas entre a xuventude.

A Organización Juvenil Española é un movemento fundado en 1960 "para a irmandade e o adestramento da mocidade que desexe facer da súa vida un permanente acto de servizo á xustiza e á Patria, dentro do espírito cristián dos nosos maiores", recollía a carta de creación orixinal.

Ideario ultracatólico

Co tempo, o seu ideario foi mudando até formalizar un decálogo baseado na Lei Scout, un decálogo de promesas que comeza por "amar a deus e levantar sobre este amor todos os meus pensamentos e accións" e que recolle ademais o xuramento de "servir a miña patria e procurar a unidade de todas as súas terras e homes" ou "sentir a responsabilidade de ser español dentro da necesaria comunidade dos pobos".

 En marzo deste ano, a deputada de Vox María Elisa García Fuster reivindicou no Parlament de Catalunya o labor da Organización Xuvenil Española (OJE), e co seu discurso as conviccións ultracatólicas desta entidade creada no marco do Movemento Nacional do ditador Francisco Franco.