A Xunta elixirá os locais "axeitados" para a proba piloto de apertura do lecer nocturno

Un DJ nun negocio de hostalaría. (Foto: Rober Solsones / Europa Press)
O departamento dependente da Consellaría de Sanidade vai decidir o tipo de estabelecementos poden comezar a abrir ao público no mes de "maio". A intención é ver se é posíbel reactivar a actividade cunha desescalada lenta.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que será potestade da Dirección Xeral de Saúde Pública decidir cales son os locais "máis axeitados" para efectuar a proba piloto de reapertura do lecer nocturno na Galiza. A perspectiva coa que traballa o Executivo galego, segundo lle comentou ao propio sector, é o mes de "maio".

Dado que hai certas conversas bilaterais coa hostalaría e, particularmente, coa que atende o ocio polas noites, Rueda deixou entrever que vai haber unha conxunción de criterios para elixir os mellores estabelecementos para intentar a desescalada e "comprobar" se a actividade pode reiniciarse pouco a pouco.

Trataríase dunha fase "experimental" na que se traballa, sobre todo, desde a semana pasada. Non hai que esquecer que co toque de recoller estes negocios levan fechados algo máis dun ano (agás excepcións), coas consecuentes perdas económicas. Por iso, o plan enmárcase nun clima de "prudencia". 

"O sector da hostalaría é o que leva máis tempo fechado e, por tanto, pedíanos un horizonte. E a iso responde esta previsión de tentar, aos poucos, que volvan á súa actividade", concretou o representante do Goberno galego, advertindo de que só haberá cambios se a situación epidemiolóxica así o permite.

"O que queremos é ir aos poucos, por iso expomos probas piloto", engadiu, coa axenda marcada no próximo mes. No caso de detectar que hai control dos contaxios, o calendario fixado agora permitiría falar dunha apertura total para o verán.

"Se empeora non sería posíbel, téñeno todos claro, os (empresarios) do lecer nocturno e todos en xeral", avisou Rueda.

En todo caso, amosouse confiando en que poida saír adiante porque o comportamento da sociedade en xeral está a ser "destacábel". Dixo agardar, igualmente, que "se poidan expor cousas que fai un par de meses eran ciencia ficción".