xoves 01/10/20

Os locais de lecer nocturno poderán abrir as súas terrazas desde hoxe

A orde da Xunta, publicada no Diario Oficial da Galiza (DOG), indica que estes estabelecementos terán as mesmas limitacións que os bares e restaurantes. Por exemplo, terán que fechar á unha da madrugada, mais non deberán permitir o acceso desde a medianoite.
EuropaPress_3075574_clientes_terraza_capital_coruna_dia_provincia_pasa_junto_resto_componen
Clientes nas terrazas dos bares da Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

Os locais de hostalería nocturna poderán atender á clientela en terrazas a partir desta sexta feira. A Xunta permitirá hoxe a apertura destes espazos ao aire libre de discotecas e outros negocios de lecer nocturno "nas mesmas condicións" que os de hostalaría.

Segundo o permiso do Goberno de Feixoo, poderán colocar cadeiras e mesas na vía pública cunha capacidade máxima do 75% e non fecharán máis tarde das 01 horas. No entanto, xa non poderán permitir o acceso á xente a partir da medianoite.

Así o estabelece a modificación das normas sobre medidas de prevención fronte á crise da Covid-19 que recolle o Diario Oficial de Galicia (DOG) e que, tal e como indica, produce efectos "desde o día da súa publicación", é dicir, desde hoxe mesmo.

A reapertura destas terrazas, concreta a nova orde da Xunta, "deberá levarse a cabo nas mesmas condicións e cumprindo as medidas de hixiene e prevención" fixadas para as dos locais de restauración e hostalaría, "do mesmo xeito que ocorreu durante o proceso de desescalada".

A Xunta indica no documento que malia estar nas discotecas e pubs, só se poderá consumir en mesa. Non se permitirá a instalación de barras no exterior. Ademais, as mesas deberán cumprir a distancia de seguridade entre elas e ter unha ocupación máxima de 10 persoas.

Esta orde cumpre "o compromiso alcanzado" na última reunión con representantes do lecer nocturno a mediados de agosto, na que se acordou que as terrazas destes locais poderían empezar a funcionar antes do seu interior.

comentarios