A Xunta valora a reapertura do lecer nocturno a principios do verán

(Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O vicepresidente Alfonso Rueda anuncia a brealización de “experiencias piloto” no razo “dun mes” para dar ese paso. Rueda prognostica para o sector turístico"un verán bastante aceptábel" grazas ao "enorme atractivo do Xacobeo".

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, explicou que estase a avaliar a posibilidade de realizar experiencias piloto "no horizonte dun mes" para abordar "con que condicións" podería permitirse a reapertura de locais de lecer nocturno "a principios de verán".

Nunha entrevista concedida á Radio Galega, recollida por Europa Press, Rueda lembrou que as discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festas e salas de concertos e outros negocios de lecer nocturno permanecen pechados desde agosto de 2020.

Así, indicou que se estuda unha posíbel desescalada neste sector, que, polas súas características, require dar "pasos especialmente coidadosos" para garantir a seguridade en locais.

Respecto da hostalaría, indicou que, após o adiamento do toque de recoller e a ampliación do horario dos restaurantes, "o seguinte paso" pasará por estender a apertura doutros establecementos de hostalaría.

Con todo, apostou por flexibilizar as restricións "aos poucos" co obxectivo de evitar un novo fechamento dos interiores dos locais, como se realizou noutras comunidades.

Ademais, augurou que, se a situación epidemiolóxica "segue mellorando", o sector turístico gozará “dun verán bastante aceptábel" grazas ao "enorme atractivo do Xacobeo", para o que a flexibilización das restricións de mobilidade representaría un "impulso importante".