A Xunta impón saídas das residencias dun "mínimo de cinco días" e unha PCR negativa para regresar

Feixoo de visita na residencia Volta do Castro. (Foto: Ana Varela / Xunta da Galiza)
Esta decisión, froito do acordo entre as consellarías de Sanidade e Política Social, fai que se retiren algunhas limitacións, como aquela que afectaba ás visitas, pero implica probas sanitarias para aquelas usuarias e usuarios dos centros que vaian visitar á familia. O que non aclara o Goberno galego é se o exame correrá por conta da administración pública ou da residencia ou terá que ser pagado de forma individual por cada persoa.

Ademais de anunciar un adiamento na desescalada global após o encontro do Comité Clínico desta terza feira -que implicou a subida do nivel de risco epidemiolóxico en dous concellos, quedando tres no chanzo medio-alto, a Xunta tamén estabeleceu nesta cuarta feira novidades que afectarán as e os usuarios das residencias de maiores. Malia eliminar algunhas restricións, agora estipúlase que de saír a visitar á familia haberá que presentar unha PCR os test de antíxenos con resultado negativo para volver a un centro que é vivenda habitual para moitas persoas.

Os departamentos de Política Social e Sanidade resolveron a eliminación de varias prohibicións pola mellora da situación da Covid-19 nos xeriátricos e o aumento de persoas coa pauta de vacinación completa. Estas aluden, por exemplo, ao número de visitas.

No entanto, regrésase a tempos de maiores limitacións (como foron as festas de Nadal) e se unha usuaria quere ausentarse dunha destas infraestruturas o prazo mínimo que terá que estar fóra será "como mínimo de cinco días".

Visitas á casa con PCR e saídas socioculturais libres

Esta condición para "manter as medidas preventivas co resto de usuarios" non é única, pois irá aparellada da necesidade de presentar unha proba negativa para coronavirus. O que non fica claro é quen pagará a PCR ou test de antíxenos.

Sería posíbel que a encargada de practicalo fora cada instalación, se ben se o abono é problema de cada persoa, nalgunhas economías pode implicar optar por ficar no xeriátrico aínda que haxa a posibilidade de ir a algunha viaxe ou estar coa familia.

Pola contra, no caso de permanecer nos centros residenciais, permitiranse as saídas socioculturais co acompañamento de persoal dos xeriátricos e evitando lugares fechados. Así mesmo, desaparecen os grupos burbulla de residentes sempre e cando estean inmunizadas coas dúas doses da vacina fronte ao virus.

Tamén haberá que respectar as medidas hixiénico-sanitarias coa axuda das direccións, pois ten que haber ventilación e material para a limpeza das mans. Se ben xa hai xente que non emprega as máscaras, a Xunta pide que se manteñan no caso daquelas persoas que poidan aguantalas a pesar das doenzas.

No que se refire ás visitas dentro das instalacións, se ofrecen "un mínimo de tres semanais" a cada persoa, que poderían ir a máis "en función da dispoñibilidade de persoal e espazos". Iso si, aos encontros poden acudir dúas persoas do exterior (coas que se permitirá contacto físico) previa cita.

Entrada en vigor e adiamento

Todas estas medidas, que no caso dos centros de día implicarán a supresión dos grupos burbulla e as mesmas condicións para as e os beneficiarios que non teñan a inoculación da vacina completa, entrarán en vigor na medianoite do sábado.

Á marxe das residencias, pero tamén falando de desescalada, no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS) acordouse adiar para máis adiante o debate sobre a retirada das máscaras no exterior.