O Comité Clínico deixa só tres concellos no nivel medio de restricións

Ambiente nos bares após os cambios da última semana. (Foto: Arxina)
A medida, que afecta Soutomaior, Malpica e Camariñas, foi anunciada pola Consellaría de Sanidade após un novo encontro coas expertas e expertos que asesoran sobre a evolución do virus na Galiza. Na reunión desta terza feira tamén estaba previsto chegar a un acordo de adaptación dos grupos de 15 persoas segundo as actividades nas que participen.

A Xunta e as e os membros do Comité Clínico que se encarga do asesoramento sobre a evolución da pandemia chegaron na terza feira ao acordo de manter tres municipios no nivel medio-alto de restricións. En concreto, as limitacións deste chanzo de risco afectarán Soutomaior, Camariñas e Malpica de Bergantiños.

O primeiro dos concellos mantén a posición da semana pasada, mentres que Camariñas e Malpica suben após incrementarse os contaxios.

Ademais, as e os expertos decidiron que o resto das localidades da Galiza pasen ao nivel medio-baixo, no que se impoñen as limitacións estabelecidas a semana pasada.

No entanto, tamén haberá avances respecto ás xuntanzas de grupos de 15 persoas que se aprobaron a semana pasada para compartir espazo nas terrazas da hostalaría a pesar de que a Covid-19 non se erradicara, pois os contaxios van a menos.

Así o adiantaba na segunda feira o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que recoñecía que había que abordar os encontros en todos os ámbitos. Así incidía nos posíbeis cambios no número de persoas ou en que nalgúns contextos non fora preciso pór cifras concretas.

O que non estaba na orde do día malia os anuncios das últimas semanas era tratar xa a retirada da máscara nos espazos exteriores. O representante do Goberno galego advertía de que faltaba un pouco máis de tempo.

En todo caso, o máis probábel é que o resto dos detalles da reunión de traballo transcendan na cuarta feira, como é habitual. Tamén as medidas entrarán en vigor na medianoite do sábado.

Pola súa banda, o Ministerio de Sanidade informou tamén nesta terza feira de que na Comisión de Saúde Pública saíu adiante a organización de novos grupos de vacinación: o 11 será o de persoas de entre 30 e 29 anos, mentres que o 12 abrangue de 20 a 29 anos e o 13 á mocidade entre 12 e 19 anos.

Contexto global

Estes avances danse nunha semana na que as novas que chegan sobre o coronavirus son tanto positivas como negativas. Mentres no país hai case un millón de persoas co tratamento completo contra a Covid-19 inoculado e van catro días sen comunicación de novos falecementos por esta infección, outras novas non son tan boas.

De feito, hai reproches á estratexia de vacinación da Xunta, que non pensa en todos os casos sanitarios.

Tamén se coñeceron cambios na campaña de tratamento e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, adiou o aumento da presencialidade na Atención Primaria até que a maioría da mocidade sexa inmunizada.

Por outra parte, a OMS está a estudar a ligazón entre o fármaco de Pfizer e varios casos de doenzas do corazón. De momento só transcenderon episodios en Israel e nos Estados Unidos de América.