Veto da Xunta

A Xunta da Galiza exclúe outro ano máis 'Nós Diario' das axudas á prensa escrita

Contía das axudas para xornais en papel na anualidade de 2021. (Infografía: Nós Diario)
A Xunta da Galiza volve excluír un ano máis 'Nós Diario' da liña de axudas destinadas a xornais impresos en formato papel. As achegas públicas que destina a Secretaría Xeral de Medios a este concepto para 2022 suman 1.255.000 euros. Entre os seus obxectivos, destaca “a normalización da lingua” e a defensa da cultura galega.

O Goberno galego vén de resolver a exclusión de Nós Diario da liña de axudas para xornais impresos en formato papel de 2022. A resolución, asinada o 3 de maio pola secretaria xeral de Medios en funcións, Mar Sánchez Sierra, acorda "denegar a axuda económica á empresa Sermos Galiza, S.A., para a publicación Nós Diario, por non tratarse dun xornal impreso e distribuído diariamente".

A empresa editora de Nós Diario destaca que as bases reguladoras "non conteñen definición auténtica ningunha do que aos seus efectos deba entenderse como xornal diario", malia que si menciona que as publicacións "deberán estar incluídas no informe do Estudo Xeral de Medios elaborado pola Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación (AIMC) ou no informe da Oficina de Xustificación da Difusión (OXD)".

A OXD, entidade de recoñecida solvencia que audita Nós Diario en papel e dixital, define como diario "aquela publicación diaria impresa en papel que se edita, co mesmo título, formato e características peculiares e universalmente recoñecidas como tales, catro ou máis días por semana". Dado que Nós Diario está nas rúas cinco días á semana —de terza feira a sábado—, si cumpre con este requisito.

"Semella contraditorio que a Secretaría Xeral de Medios [...] recoñeza a autoridade da OXD para certificar a difusión da publicación Nós Diario [xa que toma como referencia estes datos para cuantificar a tiraxe do xornal] mais a descoñeza aos efectos de cualificar ou non como diario a citada publicación -que a OXD considera diario-, máxime cando a Secretaría Xeral non achega nin remite a ningunha outra definición ou cualificación alternativa", sostén Sermos Galiza, empresa editora de Nós Diario.

Defensa da identidade

A liña de axudas da que a Xunta exclúe Nós Diario ten como obxectivo "estabelecer subvencións ás empresas xornalísticas que, estando debidamente inscritas no Rexistro Mercantil ou no que corresponda segundo a forma empresarial que adopten, realicen a súa actividade informativa orientada a alentar a defensa da identidade da Galiza, a promoción dos seus valores, a normalización da lingua e a defensa da súa cultura".

As bases da convocatoria fixan como criterio para acceder ás axudas que os xornais en papel utilizarán o galego “como mínimo en 10% do total da súa información” e se comprometen a “manter ou incrementar progresivamente o uso do galego nas cabeceiras até o 31 de decembro do ano natural da correspondente convocatoria”.

Nós Diario é vetado por segundo ano consecutivo desta liña de axudas. A súa exclusión en 2021 motivou a presentación dun recurso contencioso administrativo diante do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), actualmente en fase de tramitación.

A Xunta da Galiza repartiu no pasado exercicio con cargo a esta convocatoria 1.255.000 euros. O grupo máis favorecido foi La Voz de Galicia, con 584.723,50 euros, situándose  a continuación Prensa Ibérica, editor de Faro de Vigo e La Opinión, con 278.058,35 euros. O Grupo El Progreso recibiu polos seus dous xornais, El Progreso e Diario de Pontevedra, 211.741,18 euros e La Región sumou 152.624,94 euros, 119.177 pola súa cabeceira matriz e 33.447,81 polo diario vigués Atlántico. Por último, Editorial La Capital, editor, entre outros, de El Ideal Gallego, Diario de Ferrol ou Diario de Arousa embolsouse 27.852,03 euros.

Publicidade sen control

A Xunta adxudica a maior parte da publicidade aos medios por procedementos non suxeitos á concorrencia competitiva. Un caso disto son os convenios de colaboración que subscriben cos propios medios de comunicación, sendo esta a vía pola que se lles achegan boa parte dos fondos ás empresas xornalísticas. Outra vía paralela de financiamento son os contratos coas axencias de publicidade. Neste caso tamén se descoñecen as cantidades exactas que recibe cada cabeceira.

A este respecto, a Lei 9/2007 de subvencións públicas, fixa unha prohibición expresa para conceder axudas sen convocatorias públicas. Porén mediante estas dúas vías o Goberno galego concedeu aos medios privados de prensa arredor de 20 millóns de euros en cada un dos dous últimos exercicios.

Unha secretaria de Medios en retirada

A decisión de excluír Nós Diario da liña de axudas á prensa escrita está adoptada por unha Secretaría Xeral de Medios dun Goberno en funcións. A maiores, a súa titular, Mar Sánchez Sierra, é un dos cargos políticos da Xunta que abandona o Executivo para acompañar Feixoo a Madrid.