Educación

Educación fomenta a competitividade no alumnado cun certame de “superlíderes”

Estudantado

Lonxe de fomentar a cooperación na aula, a Consellaría de Educación impulsa un certame que chega á súa final con 80 escolares de primaria competindo polo título de “superlíder”.

A Xunta de Galiza difunde a celebración da fase final dun certame anunciando que “oitenta escolares compiten en Santiago por seren superlíderes”.  O obxectivo é, segundo a Consellaría de Educación -organizadora do certame- fomentar, motivar e sensibilizar o alumnado de 3º e 4º de primaria no espírito emprendedor.

 

A fase final, denominada o “Día dos superlíderes”, consiste en “enfrontar” o alumnado por roles, segundo explica no seu comunicado a propia Consellaría. Enfrontaranse “expondo en quendas de tres minutos dúas solucións aos retos que se lles propoñan”, e o reto consiste en buscar as habilidades de “liderado”.

 

Iniciativas como o certame de “Superlíderes” xa foron obxecto da crítica da comunidade educativa, que olla con preocupación un ensino en que, en consonancia coa Lomce, cada vez priman máis os criterios de competitividade, en detrimento da cooperación e a corresponsabilidade. De feito, o anteproxecto desta lei educativa iniciaba cunha clara declaración de intencións, afirmando que “a educación é o motor que promove a competitividade da economía”.

 

Coa Lomce, instauráronse as reválidas, que contaron con grande oposición das Ampas, sindicatos, movemento estudantil e formacións políticas, que se mobilizaron en reiteradas ocasións na Galiza para frealas. Desde a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público teñen cualificado as reválidas como "unha resposta exclusivamente a unha concepción segregacionista e competitiva da educación". Sinalan que "contribúen a excluír o alumnado máis desfavorecido socialmente do dereito á educación e a asentar unha estrutura curricular ao servizo do neoliberalismo”.  

“Superlíderes e espírito emprendedor en alumnado de 3º e 4º de Primaria. Sen comentarios”.

Nesa mesma liña, o Secretario Nacional da CIG Ensino -o sindicato maioritario no ensino público-, Suso Bermello, vén de denunciar a través da súa conta de twitter o fomento da competitividade por parte da Xunta, coa realización deste certame: “Superlíderes e espírito emprendedor en alumnado de 3º e 4º de Primaria. Sen comentarios”.

 

A Xunta promociona o emprendemento como unha aventura

 

Co certame de “Superlíderes”, a Xunta teima na promoción do “emprendemento” como unha aventura trepidante entre a mocidade, obviando dificultades e riscos que están a padecer persoas autónomas, perante as imposibilidades de accederen a crédito ou ante a carencia de acompañamento e de axudas públicas.

 

A chamada da Xunta á mocidade para ser “emprendedoras e emprendedores” está a xerar unha burbulla do autoemprego, cun gran volume de persoas que se atopaban en desemprego e que se deron de alta como autónomas. Moitas delas invisten as súas prestacións por desemprego e mesmo endebédanse, sen previamente recibiren asesoramento sobre as posibilidades, entorno e análise de mercado.

 

Nesa liña, desde a Federación de Autónomos de Galiza cifrouse, para o número 297 do semanario Sermos Galiza, a mortandade destes novos negocios nun 80%, fracasando en menos de tres anos, coincidindo coa fin das axudas ou bonificacións.