CIG cualifica de “censura expresa” e “autoritarismo” a retirada da exposición do IES de Cedeira

“É unha mostra máis de inxerencia e de introdución da prepotencia no funcionamento ordinario dos centros de ensino en Galiza”, afirma o sindicato, unha delegación do cal se reuniu co profesorado e equipo directivo do centro.

Censura, prepotencia, autoristarimo, abuso e imposición. Esta é a combinación, afirma CIG-Ensino, que se deu a modo de tormenta perfecta sobre o IES Punta Candieira de Cedeira para retirar unha exposición de poemas elaborados por alumnos de 4º de ESO que asistiron a un obradoiro literario co escritor Carlos Negro. “Non é a primeira vez que se dan actuacións por parte da administración ou mesmo das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado a raíz de denuncias anónimas, ben sexa por parte de persoal docente ou doutros membros da comunidade educativa, que violentan o normal funcionamento dos centros educativos”, afirma o sindicato nacionalista.

 

Unha representación do sindicato reuniuse co profesorado afectado e co equipo directivo. Segundo a información obtida no centro pola CIG “o inspector do centro, nun alarde de prepotencia e falta do mínimo rigor profesional, tería ordenado telefonicamente á dirección a retirada da exposición. Foi a intervención posterior do xefe político da Consellaría de Educación, de novo a través do inspector do centro, o que provocou que, sen que desde o equipo directivo se cuestionase a legalidade da instrución recibida, finalmente se aplicase a censura sobre o material literario confeccionado polo alumnado do centro”.

 

Así, prosegue o sindicato, a actitude de responsábeis políticos da administración educativa e “dalgúns inspectores que parecen máis comisarios políticos da dereita máis reaccionaria que funcionarios que velan polo bo funcionamento dos centros educativos” deriven na “censura duns textos literarios sen mediar comunicación formal nin fundamentación xurídica”.