Educación mantén que un texto da mostra poética escolar de Cedeira “fomenta o sentimento de odio” mais nega que ordenase retirala

A Consellaría de Educación nega que dese instrución ningunha para que se quitase a mostra do recinto educativo: “Unicamente se puxo en coñecemento da Inspección educativa a existencia dun texto que fomenta o sentimento de odio, algo que non pode ter cabida nun centro educativo”.

A Consellaría de Educación nega que dese instrucións para que se retirase do centro de ensino Punta Candieira de Cedeira unha exposición de poemas de alumnos de 4º de ESO feitos nun obradoiro co poeta Carlos Negro. O departamento da Xunta informa en resposta a unha pregunta de Sermos Galiza que “Unicamente se puxo en coñecemento da Inspección educativa a existencia dun texto que fomenta o sentimento de odio, algo que non pode ter cabida nun centro educativo”. Desde a Coordinadora da Biblioteca escolar, responsábel da mostra, sinalouse Educación como responsábel da retirada da mostra, cualificando esa maneira de actuar como “censura” e ataque “á liberdade de expresión”.

 

A coordinadora relatou a Sermos Galiza que se ben non se lles notificou o motivo da retirada da mostra, a decisión podía deberse a que nun poema figuran o verso “Odio España”, que se enmarca entre outros como “Odio a violencia”, “Odio que se me meta o rímel nos ollos”, “Odio os clichés", “odio que todo empece por ‘odio que’, “odio odiar todo o que odio”.

 

“Non entendemos que unha delación anónima prevaleza sobre a liberdade de expresión”, lamentaba esta profesora. Porque, apontaba, a denuncia, que partiu “dalgún membro do claustro”, é anónima: “Non debeu gostar das poesías”, indica. Nun primeiro momento isto levou a unha xuntanza, afirma a docente, entre a dirección do centro e a coordinadora da biblioteca: “Explicamos que non se insultaba a ninguén e non se ofendía a ninguén e defendemos a liberdade de expresión do alumnado”. "As autoridades académicas deben velar polo dereito de expresión dos alumnos, e de todos os seus administrados, segundo contemplan as leis educativas e tamén a propia Constitución", defenden os responsábeis da iniciativa na súa conta de Facebook.

 

Desde o Concello, informa, xa lles anunciaron que estaban dispostos a que os poemas da mostra “censurada” foran expostos no Palacete Municipal.