A Xunta fecha as sete cidades até o día 3 e limita máis as reunións

As forzas de seguridade limitan desde as 15 horas a entrada e saída das cidades confinadas (Foto: Arxina)
In extremis, a Xunta anunciou as medidas sanitarias acordadas para limitar de forma drástica a celebración do día Día de Santos ante o aumento de contaxios e os riscos polo aumento de desprazamentos e de contactos familiares. Estas restrición, centradas nas contornas urbanas e que eluden o confinamento xeral rexeitado por Feixoo, funcionarán, de forma excepcional, tan só catro días, nunha decisión que aliña o Goberno galego co da Comunidade de Madrid.

Con apenas catro horas de marxe, a Xunta anunciou esta sexta feira novas medidas a aplicar para tratar de frear a propagación da pandemia de cara ao Día de Santos, despois de que o Goberno galego rexeitara implantar o confinamento do país, como si fixeron a maior parte de territorios do Estado español após o último estado de alarma. 

As novas restricións, que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, vinculou a "criterios epidemiolóxicos" e á previsión de desprazamentos e reunións familiares asociadas a estas datas, céntranse nos ámbitos urbanos, ao restrinxir desde esta sexta feira, 30 de outubro, até a vindeira terza feira, 3 de novembro, a mobilidade arredor das sete cidades, ampliando así as limitacións de entrada e saída que xa operaban en Ourense e Barbadás a Compostela, A Coruña, Ferrol, Lugo, Pontevedra, Vigo e Vimianzo, así como a varios municipios adxacentes, onde as restricións se aplicarán de maneira perimetral. 

Da mesma forma, a orde, publicada no Diario Oficial da Galiza (DOG) contra as 14.30 horas para a súa adopción media hora máis tarde, desde as 15 horas, amplía ao resto de cidades e algúns outros concellos a prohibición de reunión con persoas non convivintes que xa rexía en Compostela e Ourense. 

"O obxectivo fundamental, con base epidemiolóxica, é limitar a mobilidade social nunha fin de semana tan especial como esta. Se conseguimos que a xente permaneza nos seus domicilios sen facer os desprazamentos que todos facíamos nestas datas, a medida estará ben empregada e será efectiva", defendeu o conselleiro, que incidiu en que as actuacións se centran nas contornas urbanas "porque é aí onde está a maior incidencia".

"Os nosos problemas epidemiolóxicos están nas sete grandes cidades e nalgún máis pequeno –caso de Vimianzo, tamén confinado desde a sexta–", subliñou o conselleiro, quen xustificou a brevidade desta nova imposición –revisarase en catro días, na xuntanza do comité clínico–, polo "contexto xeral" da pandemia, "sobre todo nesta fin de semana tan especial".

Só na fin de semana

Tamén o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, vinculou as medidas acordadas coa previsión de desprazamentos desde as zonas urbanas cara aos cemiterios de vilas e aldeas, onde a incidencia do virus é menor. Preguntado ao respecto, abriu a porta a repetir estes illamentos por muncipios en vindeiras fins de semana, na liña co adoptado de forma unilateral polo Goberno de Isabel Díaz Ayuso na Comunidade de Madrid –neste caso, para todo o territorio rexional, tanto nesta  semana como na da seguinte, na que celebra A Almudena– fronte o criterio que recolle o decreto do estado de alarma, que alude a duracións de sete días para os confinamentos perimetrais.

A este respecto, derivou na vindeira xuntanza do comité clínico a "posibilidade" de estabelecer fechamentos puntuais ou estender no tempo os actuais. 

"O fácil é fechalo todo, o difícil é combinar determinadas aperturas con garantías sanitarias. A ver se acertamos con cirurxía máis localizada, que é igual ou máis eficaz que unha gran cirurxía máis xenérica. Pero non é unha decisión política, senón clínica", manifestou tamén Feixoo, para considerar despois que "de facto" Galiza xa está fechada, polas prohibicións de tránsito impostas por Asturias, Castela e León e Portugal. 

Incidencia acumulada

As novas disposicións, anunciadas en rolda de prensa ao remate da xuntanza do conselleiro de Sanidade co subcomité clínico, apóianse nunha evolución "non desexada" dos datos epidemiolóxicos, que deixan na Galiza unha incidencia acumulada a sete días de 154,76 (casos por 100.00 habitantes), cun aumento máis acusado nas zonas urbanas.

Na comarca da Coruña, onde se aplican medidas de nivel 2, restrínxese a entrada e saída e as reunións sociais con persoas non conviventes na propia cidade (que ten unha incidencia acumulada a sete días de 129) e Arteixo, os duos municipios que "concentran" o crecemento, segundo os datos trasladados pola directora de Saúde Pública do Sergas, Carmen Parrondo

No concello de Vimianzo aplícanse as mesmas restricións mais auméntanse o resto de prescricións a nivel 3 –que implica maiores limitacións nas actividades comerciais, hostaleiras, culturais e deportivas, entre outras–, tras detectarse 50 contaxios na última semana.

As medidas de nivel 3 que xa operaban en Compostela –onde a incidencia acumulada se mantén, malia as últimas accións, moi por riba da media galega, con 234 a sete días e 457 a 14 días– esténdense a Ames e Teo, onde os encontros sociais quedan acoutados a persoas conviventes. Ademais, aplícase un fechamento da mobilidade no conxunto dos tres concellos.

Aínda máis elevada é a incidencia acumulada en Ferrol, con 284 a sete días e 393,5 a 14 días. A súa comarca é, segundo a directora de Saúde Pública, unha das que máis preocupan. O novo decreto aplica o fechamento perimetral dos municipios de Ferrol, Fene, Narón e Neda, onde tamén se elevan as medidas a nivel 3 e as reunións quedan limitadas a persoas do círculo de convivencia.  

En Lugo e Vigo imponse o confinamento municipal e a limitación social a conviventes polo incremento de contaxios que no caso da primeira cidade eleva a incidencia acumulada a sete días, de 134 hai unha semana a 207, segundo os datos desta sexta feira. En Vigo, o "crecemento continuado" de novos casos incrementan a incidencia a sete días até 176.

En Pontevedra, a prohibición de entrada e saída incluirá os concellos de Poio e Marín, polo crecemento da incidencia acumulada, que na cidade pasou de 140 a 207 na última semana. 

Tanto en Ourense como nas comarcas de Verín e do Carballiño, onde as medidas excepcionais están vixentes desde hai semanas, mantense o nivel 3 malia apreciarse, que "van dando froitos". 

> Mobilidade: A orde mantén as restricións de entrada e saída que xa operan e Ourense e Barbadás, en Verín, Oímbra e Vilardevós, e no Carballiño, O Irixo e Boborás. Ese mesmo fechamento perimetral esténdese ás cidades de Lugo e Vigo, a Vimianzo e aos grupos de concellos de Compostela, Ames e Teo; A Coruña e Arteixo; Ferrol, Narón, Fene e Neda, e a Pontevedra, Poio e Marín. 

> Reunións: As novas medidas, que se revisarán a vindeira terza feira, inclúen para os concellos con restricións perimetrais na mobilidade a prohibición de xuntanza con persoas non conviventes. Mantéñense naquelas poboacións que xa tiñan limitacións neste sentido, como é o Barco de Valdeorras e todos os concellos da comarca do Carballiño. Para o resto de municipios galegos segue operando o máximo de cinco persoas por grupo, tanto en xuntanzas privadas como en espazos públicos. 

> Excepcións: As limitacións de mobilidade teñen unha serie de excepcións, que van desde a asistencia e coidado de persoas maiores, menores, dependentes, con discapacidade ou en vulnerabilidade ás tramitacións administrativas ou xudiciais, obrigas laborais ou actividade escolar e docente, así como exames e probas, ou asistencia a entidades financeiras en concellos limítrofes. As normas para reunións tamén contemplan excepcións por coidados e causas excepcionais xustificadas.