luns 30/11/20

Feixoo non blinda Galiza a pesar de 14 comunidades fecharen os seus territorios

O PP presentará no Parlamento unha reforma da lei sanitaria galega.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, na rolda de prensa posterior á reunión do Consello de Goberno (Foto: Arxina)
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, na rolda de prensa posterior á reunión do Consello de Goberno (Foto: Arxina)

“Cos últimos datos coñecidos”, dixo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo -en referencia ás cifras da pandemia de onte, 29 de outubro ás 20 horas- “non se contempla o fechamento total da Galiza” que, “en certo modo, xa está con feche perimetral”, asegurou en referencia ao confinamento de Asturies, Castela e León e o norte de Portugal. Feixoo lávase así as mans, sen necesidade de tomar decisións porque xa os Gobernos veciños o fan por el. 12 comunidades mais Ceuta e Melilla anunciaron o seu fechameto. Onte, ao feche desta edición, ficaban por tomar esa decisión Valencia, Balears, Canarias, Estremadura e a Galiza.

Preguntado por Nós Diario a respecto de se a Xunta contempla a posibilidade dun confinamento domiciliario como o vivido na primavera, Núñez Feixoo volveu referirse á situación actual, matizando que “se mañá [en relación ao 30 de outubro] ou na segunda feira temos novos datos epidemiolóxicos, teremos a proposta [de confinamento domiliario], que comunicaremos previamente aos alcaldes e despois a todos os cidadáns”, asegurou. Francia volve confinarse e así seguirá até o 1 de decembro, como mínimo. Esa medida barállase no Goberno de Castela e León, que onte anunciou que se a súa situación non mellora en 10 días o confinamento de marzo e abril podería repetirse. 

Nova lei de saúde

O Goberno galego, através do grupo parlamentar do PP, presentará na Cámara unha proposición para modificar a Lei de Saúde Pública da Galiza co obxectivo de "xestionar a pandemia" con "maior seguridade xurídica". A normativa incluirá medidas preventivas, limitativas e sancións para facer fronte ao contaxio do virus.

"Galiza terá unha lexislación específica para xestionar a pandemia evitando estados de excepcionalidade como o de alarma ou o recoller obrigatorio", dixo onte o presidente da Xunta ao remate do Consello de Goberno, apostilando que esas medidas deterioran a imaxe do país e do Estado.

"É inadecuado o estado de excepción para regular unha situación que dura e durará meses", salientou, lamentando que o Goberno español aínda non fixese unha lei orgánica de saúde con medidas limitativas de dereitos e liberdades para que os Tribunais Superiores de Xustiza das comunidades non tiren abaixo as medidas restritivas que se poñan en marcha en ausencia do estado de alarma.

Pese ao empeño de Feixoo, o certo é que o Consello de Ministras e Ministros aprobou o decreto de alarma, onte revalidouno o Congreso e diversos países da contorna optan tamén por este tipo de medidas. Aliás, o PP tampouco recolleu con atención a proposta de reforma sanitaria que Feixoo enviou a Pedro Sánchez, xa que nin sequera este partido a levou á Cámara Baixa.

Sancións

A norma incluirá medidas preventivas e para regular corentenas, prohibicións de mobilidade ou sometemento a tests. Mesmo se as autoridades considerasen que unha vacina debe ser obrigatoria, esta lei habilitaría a "obrigatoriedade de vacinación da poboación galega".

A norma contemplará 30 supostos obxecto de sanción, con multas leves (desde os 100 euros en caso, por exemplo, de non facer uso da máscara), graves e moi graves. O incumprimento dos illamentos ou a celebración de festas poderán ser sancionadas con entre 3.000 e 600.000 euros.

O teito de gasto sobe 15%, a 11.664 millóns de euros 

O Consello da Xunta deu luz verde onte a un teito de gasto "excepcional" dixo Alberto Núñez Feixoo, de 11.664 millóns de euros para 2021 -que agora deberá ir ao Parlamento-, o que supón unha suba de 14,9% respecto ao ano anterior. En rolda de prensa, o presidente da Xunta avanzou que a previsión de caída deste ano do PIB galego é de 9,7%, aínda que se prevé unha recuperación de 8% en 2021.

Mentres, a taxa de paro subirá até 12,3% ao fechamento deste ano -está en 11,8% na EPA do terceiro trimestre-. Seguirá en aumento o ano que vén até o 12,9%, segundo as previsións do Goberno galego. Así, Alberto Núñez Feixoo asegurou que estas previsións "non están maquilladas" e son "realistas". Ademais, explicou que o financiamento galego baixará 1,6% no ano 2021, cun total de 7.849 millóns de euros.

comentarios