A Xunta estuda se Endesa vulnerou as normas de explotación do encoro do Eume

A conselleira Ethel Vázquez supervisou os traballos de recuperación do río Eume o 13 de outubro (Imaxe: Xunta)
Desde o 5 de outubro as augas do río flúen cunha cor abrancazada. A Administración galega traballa para reducir a turbidez e volver permitir o consumo, mentres ecolectivos ecoloxistas sinalan as lamas do fondo da presa.

O Concello de Pontedeume mantén as restricións que impiden á veciñanza beber a auga da billa. O municipio abastécese do río Eume, que o pasado 5 de outubro fluía xa turbio, cunha cor abrancazada.

Hoxe, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, achegouse até o punto onde persoal técnico da Xunta colocou o domingo unha barreira de contención no perímetro da toma de auga para rebaixar a turbidez.

A conselleira cualificou a situación de "inaceptábel" e avanzou que se está a estudar se houbo vulneración das normas de explotación e xestión da presa, da que é titular Endesa, para, no seu caso, adoptar as medidas oportunas.

No mes de setembro o Colectivo Terra de Pontedeume e mais Adega alertaron de que o baixo nivel do encoro fixo abrollar os lodos do fondo. As entidades ecoloxistas lembraron que durante anos se depositaron sedimentos procedentes da actividade mineira das Pontes.

Integrantes do Colectivo Terra tomou tomaron mostras para solicitar a súa análise. Paralelamente, Endesa asegurou que as analíticas practicadas no pasado non amosaron parámetros nocivos para o medio.

A maiores, as análises de Augas da Galiza non deron conta de alteracións nos niveis de acidez ou de oxíxeno nas augas e que tampouco se rexistrou un nivel inusual de mortaldade na fauna ou na flora. Vázquez resaltou que os parámetros evolucionan favorabelmente e que a Xunta traballa para que a veciñanza poida consumir a auga.