A Xunta prepara un protocolo sobre o uso de máscara en exteriores

Alberto Núñez Feixoo, nun Consello do Goberno galego, en San Caetano (Foto; Arxina)
Feixoo advirte que terá que seguir a usarse a máscara, tamén nalgunhas zonas do exterior.

O comité clínico que asesora á Xunta está a traballar nun protocolo sobre as máscaras que se aplicará unha vez que o Goberno español derrogue o seu uso en exteriores. "Están a deseñar os lugares nos que non será obrigatoria", dixo en Vigo Núñez Feixoo, que puxo como exemplos zonas rurais, aldeas, espazos de lecer amplos ou "na maior parte das rúas".

Mais tamén apuntou a que a máscara vai seguir a ter que usarse, tamén en determinadas zonas do exterior. A idea é poder fornecer máis información ao respecto na rolda de prensa da cuarta feira, cando se dá conta polo miúdo dos acordos do grupo de análise.

Un anuncio que chega após o feito por Pedro Sánchez a pasada sexta feira e no que situaba o 26 deste mes como a data para a fin da obrigatoriedade de levar a máscara en exteriores. Decisión que xa o propio Feixoo criticou ás poucas horas afirmando que este tipo de anuncios unicamente procuraban beneficiar o Goberno. 

As capacidades, a exame

O presidente da Xunta avanzou tamén que o comité clínico estudará incrementar a máximo capacidade permitida en recintos que acollan distintos tipos de actos até "o 60% ou o 75%" na reunión que manterá esta terza feira.

Preguntado tras participar nun acto en Vigo, Alberto Núñez Feixoo avanzou que o comité de expertos que asesora o Goberno galego "vai revisar as capacidades de distintas expresións sociais colectivas" no seu próximo encontro. "Probabelmente imos incrementar á alza as persoas que poden convivir nun recinto, xa sexa pechado ou aberto", explicou.

 Lembrou que, neste momento, as capacidades estabelecidas "móvense na contorna do 50%" da capacidade dos espazos. Con todo, apuntou á posibilidade de que "nalgúns lugares" poidan aumentarse até "o 60% ou o 75%" para a celebración de determinados actos.

Neste sentido, precisou que a Dirección Xeral de Saúde Pública estuda ampliar a porcentaxe máxima de ocupación en "algúns lugares" en colaboración co comité clínico.

Posíbeis cambios nos concellos

Malia estes temas de máximo interese, está previsto que as e os expertos tamén estuden a situación epidemiolóxica dos concellos, dado que agora hai tres no chanzo medio-alto de risco e o resto atópanse no medio-baixo.

É posíbel que Malpica, Soutomaior ou Camariñas baixen de nivel dada a evolución epidemiolóxica dos últimos días, se ben as prohibicións poderían ir a máis en Castroverde por ter a incidencia acumulada máis alta do país.

En calquera caso, Galiza aparece, xunto coas Illes Balears e a Comunitat Valenciana, como os tres únicos territorios do Estado español no mapa do Centro Europeo para a Prevención e o Control de Enfermidades.