A Xunta estende ás enfermeiras o ‘contrato de estabilidade’ do Sergas que rexeitou o persoal médico

enfermeiras

Sindicatos como a CIG denuncian que supón máis “precariedade laboral” e colectivos como Enfermeiras eventuais en loita din que o contrato que Feixoo anuncia como “un oasis no medio do deserto cando na realidade é un simple espellismo”.

 

Núñez Feixoo avanzou esta quinta feira na rolda de prensa após o Consello da Xunta a aplicación do ‘contrato de continuidade ou de estabilidade’ ao persoal de enfermaría do Servizo Galego de Saúde, cun mínimo dun ano de duración e tres de máximo, e co obxectivo de garantir unha maior estabilidade. Porén, o anuncio do presidente galego non convence as destinatarias. Sindicatos como a CIG e plataformas como ‘Enfermeiras eventuais en loita’ amosan o seu especticismo ao respecto, cando non unha crítica directa. Ambas as dúas entidades lembran, aliás, que este contrato que o goberno empezou dirixindo ao persoal médico xa foi criticado e rexeitado por este.

CIG-Saúde di que “consolida a precariedade laboral” e que non fai senón “incrementar a dispoñibilidade horaria e de mobilidade xeográfica das enfermeiras”. Non respecta as libranzas, afirma, e incide en que “o problema da precariedade non é asinar 20 contratos nun mes”.

O sindicato nacionalista exixe a convocatoria urxente dunha Mesa Sectorial para abordar a precariedade laboral no SERGAS e que se adopten as medidas necesarias para rematar coa mesma creando prazas estábeis. Ademais demanda, para poder incrementar o número de prazas, que se remate coa taxa de reposición.

“Espellismo”

“Este contrato de continuidade é anunciado pola Xunta coma un oasis no medio do deserto cando na realidade é un simple espellismo”. Esa é a opinión de Enfermeiras eventuais en loita. “Este mesmo tipo de contrato foi ofertado previamente aos médicos de familia e pediatría sen obter aceptación”.

“A Administración leva moito tempo recorrendo a formas alegais para cubrir ausencias do persoal fixo: non se cobren moitas das incapacidades temporais dos traballadores fixos, refórzanse os persoais das plantas con contratos de acúmulos de tarefas tamén usados para cubrir “ocos” estructurais, impedindo e alongando a súa conversión a vacante”.