Un manifesto contra a precariedade laboral na enfermaría galega

[Imaxe: Cedida]. As enfermeiras da Unidade de Coidados Intensivos do HULA

O documento, escrito por Enfermeiras Eventuais en Loita, denuncia as malas condicións laborais ás que as profesionais se ven sometidas por parte da Administración.

O colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita, formado por máis de dez grupos locais da área sanitaria galega, vén de asinar o Manifesto pola fin da Precariedade na Enfermaría Galega, un documento ao que tivo acceso Sermos Galiza e no cal arremeten contra a falta de garantías e a precariedade laboral á que se ven sometidas.

No texto, faise alusión ás trabas existentes para conciliar o traballo coa vida familiar e social, a imposibilidade de coller vacacións ou permisos laborais, ás ameazas de penalizacións nas listas de contratacións e a continua mobilidade dos servizos. Unhas condicións que perduran desde hai doce anos e que na actualidade, tal como aseguran, sofren dez mil enfermeiras.

Desde o colectivo consideran que a actuación da Administración non é a máis adecuada. Alegan que esta ten “escravizadas e sen dereitos” miles de profesionais cualificadas que non contan con contratos estábeis e ás que poden recorrer “a calquera hora do día”, dado que “se non, non comen”.

Ademais de reivindicar unhas dignas condicións de traballo, Enfermeiras Eventuais en Loita tamén avoga pola configuración dunha “sanidade pública, universal e de calidade, como alicerce básico e fundamental do Estado de Benestar”, e polo empoderamento da Enfermaría como unha disciplina recoñecida no terreo da investigación e da docencia.

Co obxectivo de acadar todas estas demandas, desde o manifesto piden o apoio popular contra o desleixo administrativo, alegando que a cidadanía non debería “agardar a que un problema lles afecte directamente para ser sensíbeis á realidade que nos rodea.